BBS
-
O Sistema de Taboleiro de Anuncios é unha rede de comunicacións cun punto de encontro no que se fan públicos avisos, pode haber discusións sobre determinados temas e, en xeral, poden obterse servicios e informacións en liña e mesmo descargarse programas ou documentos. As BBS acostuman ser temáticas e estar destinadas a comunidades de usuarios que comparten intereses comúns, como economía, política ou deportes. Acadaron moita sona antes de que se espallase a Internet, e acostumaban estar manexadas por afeccionados aos ordenadores persoais. Accédese a elas de forma gratuíta marcando os seus números de teléfono, coa particularidade de que as tarifas destas chamadas equivalen ás das normais de voz, fronte á Internet, onde a tarifa é única para acceder a servidores de calquera parte do mundo. Outras BBS foron promovidas por empresas do sector da informática para distribuír actualizacións de aplicacións e información. Desde mediados da década dos oitenta, moitas das funcións das BBS foron absorbidas por provedores de acceso a redes de telecomunicacións, e hoxe en día aínda é posible encontrar moitas destas na Internet, mentres que seguen existindo milleiros delas fóra desta rede de redes, especialmente en países e zonas nas que a introdución da Internet é escasa ou nula. As BBS poden ofrecer precisamente por estas características unha maior e mellor comunicación entre usuarios ca a que ofrecen os grupos de noticias de Internet (Usenet) dedicados a determinados temas.
-
Sistema que ao instalarse nun ordenador persoal habilita as persoas que o vaian usar para conectarse vía módem a unha rede, en particular as de tipo BBS, con posibilidades como enviar mensaxes, comunicarse con grupos de interese, obter ficheiros, conversar en tempo real e en moitos casos utilizar Internet ou acceder a outras redes telemáticas, entre as que destaca FidoNet.