Beariz
Concello da comarca do Carballiño situado na provincia de Ourense (42° 27’ de latitude N e 8° 16’ de lonxitude). Limita ao N cos concellos de Forcarei (comarca de Tabeirós-Terra de Montes) e de Lalín (comarca do Deza), ao L cos do Irixo e Boborás (O Carballiño), ao S co de Avión (comarca do Ribeiro) e ao O cos da Lama (comarca de Pontevedra) e Forcarei. Abrangue unha superficie de 56 km 2 cunha poboación de 1.735 habitantes (1996), distribuídos entre as parroquias de Beariz, Lebozán e Xirazga. A capital municipal é o núcleo de Beariz. Atópase a 53 km de Ourense e 72 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial do Carballiño e á diocese de Ourense.
Xeografía física
Climaticamente, o concello de Beariz está baixo o dominio oceánico húmido. As temperaturas son moderadas no verán e suaves no inverno, quedando a media anual por riba dos 11°C. O mes de temperaturas medias máis frías é decembro con 4,7°C, mentres que o máis cálido é agosto con 19°C. A oscilación térmica é de 13°C. As precipitacións son elevadas, superando os 1.400 mm anuais. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, estación na que se recolle o 38% das precipitacións totais anuais. Pola contra o verán rexistra os mínimos, cunha media do 9% do total, feito que provoca un pequeno déficit hídrico estival por enriba dos 100 mm anuais e que se prolonga desde mediados do mes de maio ata setembro. Trátase dun clima de transición entre o interior e o atlántico que vén dado pola situación interior do concello, aínda que preto da influencia marítima, e polo seu relevo accidentado. O concello de Beariz sitúase aos pés da dorsal galega. Distínguense dúas unidades morfolóxicas diferenciadas: unha zona de montaña e outra formada polos vales interiores. A área montañosa correspóndese co N e O do municipio. Aquí esténdense as abas dos montes do Testeiro e a vertente oriental da serra do Suído. Alcánzanse nesta área as maiores altitudes no Marcofán (940 m), Porto de Bois (800 m), Pico do Val do Chó (761 m), Costoia (768 m), Couto da Ermida (820 m), Porto de Carro (811 m), Alto da Puza (868 m), Neveiro (848 m) e Outeiro Grande (844 m). Destas elevacións, que constitúen un dos rebordos da ampla conca do río Miño, xorden varios regos, como o de Ponte Pedriña ou o de Magros. Estes cursos fluviais discorren cunha dirección N-S a través de vales estreitos. A rede hidrográfica organízase arredor da conca do Avia, un dos principais afluentes do Miño, coa excepción dunha pequena franxa do N que verte á do Deza (afluente do Ulla) cos arroios da Balsada e do río Medos. Os principais cursos fluviais son o río Magros, que percorre a parte oriental do municipio; o río Beariz, que pasa pola capital municipal; e o Doade, na metade occidental. Todos eles achegan as súas augas ao río Cardelle que, á súa vez, verte no Avia no encoro de Albarellos. Estes ríos son rápidos e de curto percorrido ao descender por fortes pendentes. O territorio municipal, debido fundamentalmente á súa elevada altitude media, está recuberto nun 85% por superficie forestal. Abunda a matogueira formada por carrasco, toxo, xesta, uz e carqueixa. A árbore que predomina é o piñeiro común. De xeito residual quedan carballeiras, salgueiros, amieiros e sanguiños, que abundan nas ribeiras fluviais.
Xeografía humana
O concello de Beariz coñeceu ao longo do s XX unha sucesión de etapas na súa evolución demográfica. Desde comezos do século ata 1940, o forte crecemento vexetativo provocou que o concello medrase ata acadar o seu máximo poboacional de 3.000 h. Entre 1940 e 1970 a emigración intensificouse. O principal destino dos emigrantes de Beariz foi América Latina, en concreto México e Venezuela. O declive demográfico continuou ata 1981, data na que o concello contaba tan só con 1.346 h. Entre 1970 e 1981 produciuse un descenso da poboación do 20,78%. Na década de 1980 inverteuse o proceso, debido ao retorno de emigrantes, na súa maioría xa xubilados, que volvían ao seu concello natal. Este movemento de retorno provocou, nun primeiro momento, unha recuperación demográfica que se estabilizou posteriormente debido ao crecemento natural negativo e ao avellentamento da poboación. Así entre 1991 e 1996 volveu baixar a poboación do concello de 1.839 a 1.735 h (un descenso do 5,65%). Este descenso continuou nos períodos seguintes: 14,2% entre 1996 e 2001 e un 8,72% entre 2001 e 2007. O crecemento natural do concello é de -14,2‰ como consecuencia dunha taxa de mortalidade elevada (16,8‰) e dunha taxa de natalidade moi baixa (2,6‰). A pirámide de idade reflicte un alto grao de avellentamento: os menores de 20 anos son o 9,3% do total mentres que os maiores de 65 anos representan o 37,4% e o grupo intermedio o 53,4%. A substitución xeracional constitúe un grave problema para o futuro demográfico do concello. A distribución por sexos amosa un desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 53,82% da poboación (os homes son o 46,17 %); a maior lonxevidade do sexo feminino e o avellentamento explican este desaxuste. A poboación concéntrase na parroquia de Beariz na capital municipal e nos lugares de Magros e Muradás.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Beariz é do 27,9% (40,3% a masculina e 17,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 22,9% (33,2% a masculina e 14,5% a feminina) e a taxa de paro é do 17,9% (17,5% a masculina e 18,7% a feminina). O avellentamento da poboación explica a baixa taxa de actividade e esta revela á súa vez o reducido volume de desempregados. A distribución sectorial da poboación ocupada reflicte a importancia do sector primario que aínda acolle o 14,1% da poboación ocupada. A produción do primario baséase en pequenas explotacións familiares destinadas á práctica dunha agricultura de autoconsumo e produción dalgunhas forraxes para unha pequena gandería. A explotación dos recursos forestais ocupa un lugar destacado e ofrece importantes rendementos para o conxunto das economías domésticas. As condicións dun medio físico de accidentada orografía reducen as posibilidades de extensión de solo aproveitable para cultivos. Tampouco o elevado grao de parcelación da terra favorece o desenvolvemento do sector. A actividade do sector secundario, que no pasado estaba representada por unha forte minería (minas de Valcobo no Marcofán), a penas está presente no concello. A nivel de emprego ocupa ao 23,4% dos traballadores, o 10,6% na industria e o 12,8% na construción. Ademais da explotación das canteiras existen algúns serradoiros residuais. O sector terciario ofrece o 62,8% dos empregos en actividades estreitamente relacionadas co sector agropecuario. Existen 25 licencias comerciais que se corresponden con pequenos establecementos de carácter familiar do subsector da alimentación. Non obstante , no municipio hai oficinas de oito entidades bancarias que aproveitan o volume de negocio derivado do envío de divisas por parte da poboación emigrada que, na súa maioría, reside aínda en México, onde manteñen negocios de alta rendibilidade, relacionados coa fabricación e venda de mobles, hoteis e locais de diversión. Estes emigrantes fixeron fortes investimentos no sector inmobiliario na capital comarcal do Carballiño. A propia poboación de Beariz mantén estreitos lazos sociais e funcionais co Carballiño. Acoden con frecuencia a esta vila por motivos de traballo ou para xestionar diversos servizos (educación, sanidade, administración, ocio). O lugar de Beariz conta cun colexio, cun centro de saúde e con varias instalacións deportivas. A principal vía de comunicación é a estrada nacional N-541, que une Ourense con Pontevedra e pasa polo N do municipio. Desta, cara ao S, sae unha estrada local que enlaza coa que vén de Ribadavia e pasa por Lebozán e Beariz. De aquí parte outra, tamén local, que percorre o termo de L a O. Esta rede de estradas, estreitas e de trazado sinuoso, compleméntase con outras de menor importancia que comunican as aldeas coa capital municipal e as principais vías do termo.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos encontrados no concello son os vestixios atopados dos castros de Magros e Garfián ademais das mámoas do val do Lodeiro.. Da romanización consérvase parte do que foi unha calzada romana e unha ponte sobre o río Verdugo, no lugar de Ricovanca. A historia máis recente de Beariz está vinculada á de Terra de Montes, espazo doado por Dona Urraca ao arcebispo Xelmírez no ano 1115 e que o Rei Filipe II completa en 1176 con outra doazón ao arcebispo de Santiago. Desde entón, as terras de Beariz son gobernadas polos arcebispos composteláns a través dos “xuíces meiriños”, nomeados por eles e que tiñan a súa residencia no Castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras. Estes xuíces compartiron o seu poderío co mosteiro de Acibeiro, fundado en 1135, ao que se debe o poboamento da comarca. A xurisdición de Montes, pertencente á provincia de Santiago, deu lugar co establecemento dos primeiros concellos en 1813, ao nacemento do concello de Beariz, integrado no partido xudicial da Lama. Suprimida a Constitución e con ela o municipalismo, volveuse en 1814 á situación anterior de xurisdicións e señoríos. Restaurada a Constitución en 1821, restableceuse o concello de Beariz, integrado primeiro na provincia única de Galicia e posteriormente na nova provincia de Ourense, pasando ao partido do Carballiño. Unha nova supresión constitucional en 1823 non evitou que trala definitiva restauración do municipalismo (1835) se mantivese o concello, sen que se rexistrasen neste aspecto variacións posteriores.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Santa María de Beariz, San Salvador de Xirazga, na que destaca o cruceiro que se atopa no exterior, e a de Santa Cruz de Lebozán. O patrimonio natural está representado polos espazos naturais da Serra do Candán e da Serra do Cando, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, a festas do Carme en Xirazga en xullo, as de San Pedro en Muradás, a Candelora en Lebozán en febreiro, ou a de Santo Outel na Bouza.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Carballiño, O |
| Extensión | 55 Km2 |
| Poboación Total | 1360 h |
| Poboación Homes | 628 h |
| Poboación Mulleres | 732 h |
| Densidade de poboación | 24.73 h/Km2 |