Beaujolais
País da rexión histórica do Lyonnaise (Francia) que inclúe, esencialmente, o departamento do Ródano (Rhône). É unha área montañosa, situada nas abas nororientais do Macizo Central, constituída por dúas partes: a Côte Beaujolaise e os montes do Beaujolais. Antiga baronía creada polo señor de Beaujeu, no 1400 foi legada a Luís de Borbón. Luís XIV, o Rei Sol, mudou a baronía en condado. Os terreos da Côte, cristalinos e porfídicos, ricos en minerais, fan que sexa un lugar excelente para o cultivo da viña, onde se produce o viño con Denominación de Orixe Beaujolais, clasificado dentro do tipo borgoña; o máis característico é o tinto elaborado con uva gamay. É un viño lixeiro e afroitado, que se consome nos meses inmediatos á súa elaboración e de pouca graduación (11-12°). Na metade setentrional da rexión prodúcese o beaujolais villages, máis forte e con mellor buqué que o corrente.