becacina

becacina
  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave dos xéneros Gallinago, Limnocryptes e Limnodromus, da familia dos escolopácidos, robusta, de peteiro longo e recto, e plumaxe críptica. Vive tanto en medios húmidos costeiros como en turbeiras de montañas, onde se alimenta principalmente de invertebrados que atopa no seo do terreo mol.

    Confrontacións: arcea.
  2. becacina cabra [ANIMAL/ORNIT]

    Becacina de 26 cm de lonxitude, que habita en humidais de auga doce ou salobre con abundante cobertura herbácea, ambientes semellantes á tundra. Voa de xeito rápido e zigzagueante. Na época de cría practica un voo especial para marcar o territorio; consiste nunha ascensión en espiral que interrompe nun picado no que as plumas externas da cola producen un son peculiar semellante ao mear das cabras. Ten unha distribución holártica e está ausente da conca mediterránea. Na Península Ibérica é moi rara como aniñante e está limitada ás turbeiras da Serra de Gredos, do norte de Portugal e do sureste de Galicia. En época de paso migratorio ou de invernada son comúns os bandos de becacinas nos humidais galegos.

  3. becacina grande [ANIMAL/ORNIT]

    Becacina de 30 cm de lonxitude, de voo recto, que aniña no norte e leste de Europa. En Galicia é de rara observación en época de paso migratorio.

  4. becacina norteamericana [ANIMAL/ORNIT]

    Becacina do xénero Limnodromus, da familia dos escolopácidos, que presenta na plumaxe unha cuña branca e estreita que ascende polo dorso, e ten o bordo posterior da á de cor branca. Aliméntase co peteiro en posición vertical. Orixinarias de norteamérica, en Galicia téñense observado como divagantes L. griseus e L. scolopaceus.

  5. becacina pequena [ANIMAL/ORNIT]

    Becacina de 19 cm de lonxitude que aniña no norte de Europa e Asia. En Galicia é rara como ave invernante.