Becerra

Becerra
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe nun alcume, que se aplicaría a un individuo de carácter bruto e duro. Este apelido xa se documenta desde o s XIII: “Sueiro Bezerra” (doc [s XIII] en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 394), “Fernan de Bezera” (doc ano 1348 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 394), “Fernán da Becerra” (doc ano 1375 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 394).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Antiga liñaxe luguesa que se estableceu no lugar do Couto de Lamas (A Fonsagrada), Santiago de Gallegos (Navia de Suarna), Baleira, Sistallo (Cospeito) e Ares. Estendeuse durante a Reconquista por todas as rexións de España, moi especialmente polas de Extremadura e Andalucía, así como polas de Castela e León. En Galicia entroncaron cos Caamaño e cos Malvar. Unha das ramas pasou a Portugal. As súas armas levan, en campo de ouro, dúas becerras de goles, postas en pao. Outra variante trae: en campo de sinople, dúas becerras de ouro, unha sobre a outra. Algúns en Galicia e León ostentan: en campo de prata, dúas becerras rubias nun prado de sinople, a primeira pacendo e a outra mirando como esta pace. A casa de Cáceres utiliza o mesmo escudo, pero engadindo bordo de prata. Para os de Extremadura recóllese outro escudo que leva, en campo de prata, dúas becerras de goles e dez roeis da mesma cor, postos en situación de orla.