Becerreá
Concello da comarca dos Ancares, situado na provincia de Lugo ao L da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 51’ de latitude N e 7° 09’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Navia de Suarna e Baleira (Os Ancares), ao O cos de Baralla (Os Ancares) e Láncara (Sarria), ao S cos de Triacastela (Sarria) e As Nogais (Os Ancares) e ao L co de Cervantes (Os Ancares). Abrangue unha superficie de 172,1 km 2 cunha poboación de 3.264 h (2007), distribuídos nas parroquias de Agüeira, Armesto, Becerreá, Cadoalla, Cascallá, O Cereixal, Cruzul, Ferreirós de Balboa, Fontarón, Furco, Guilfrei, Guillén, Liber, Morcelle, Ouselle, Ousón, Pando, Penamaior, Quintá de Cancelada, Sevane, Tortes, Veiga, Vilachá, Vilaíz, Vilamane e Vilouta. A capital municipal é a vila de Becerreá. Situado a 148 km de Santiago de Compostela e a 42 km de Lugo, é cabeza de partido xudicial e está adscrito á diocese de Lugo.
Xeografía física
O territorio municipal de Becerreá está baixo o dominio climático oceánico de montaña, estando os seus rexistros termopluviométricos moi matizados (e máis especialmente os térmicos) por causa do factor altitude. No tocante ás temperaturas, a media anual sitúase nos 10,8°C, cuns meses máis cálidos (xullo e agosto) nos que a media se eleva ata os 17,7°C, mentres que o inverno térmico se prolonga de novembro a abril; o mes máis frío (xaneiro) ten 4,6°C de temperatura media. As precipitacións distribúense segundo un réxime estacional que acada os seus máximos valores no inverno, no que se recolle por termo medio o 39% do total da precipitación anual. A primavera e mais o outono compórtanse neste aspecto como estacións de transición, recollendo cada unha o 26% das precipitacións. O verán non está exento de chuvias, de feito achega o 10% do total anual, que ronda os 1.500 mm. O relevo alterna as serras e o val do Navia, principal colector dos regos que drenan o territorio do concello. No principio das serras orientais, na parte occidental do municipio existen altitudes superiores aos 1.000 m (Pena do Pico, 1.182 m), modeladas sobre unha litoloxía dominada polas series de cuarcitas e lousas. Seguindo cara ao levante atópase un filón de calizas e dolomitas de dirección NO-SL, como todas as series que se rexistran, a unhas altitudes próximas aos 600 m. Máis ao L unha nova banda de lousas e pedra de gran acada alturas inferiores ás da primeira serie (896 m de altitude no Castiñeira). Trátase en todos os casos de materiais antigos, do Cámbrico inferior ao Ordovícico, que seguen as liñas de fractura na dirección citada NO-SL.
Xeografía humana
A poboación do concello de Becerreá experimentou ao longo dos dous últimos séculos unha evolución moi negativa que supón que o s XX rexistra no balance final un descenso de poboación próximo ao 60%. Así, agás en intervalos censuais illados, a tónica xeral foi o descenso progresivo dos efectivos demográficos municipais. Partindo dunha poboación en 1887 de 8.097 persoas, chegouse en 1900 ao máximo histórico cun total de 9.153 habitantes, para principiar a partir de entón un descenso que se verificou en todos os censos posteriores agás no de 1960, que presentaba un incremento neto na década dos cincuenta de 1,02% de media anual. Non obstante , esta aparente recuperación viuse frustrada coa perda de case 2.000 efectivos na década seguinte, entre os censos de 1960 e 1970, na que a poboación pasou de 7.743 habitantes a 5.762, o que significa un descenso do 25,58%. A dinámica regresiva aínda non se detivo e as cifras actuais así o confirman: entre 1996 e 2001 perdeu un 10,90% da poboación e, entre 2001 e 2007, o 5,99%. O resultado deste proceso histórico é unha poboación moi avellentada na que as persoas máis vellas de 65 anos representan o 33,9% da poboación fronte aos menores de 20 que tan só constitúen o 10,6%; o grupo intermedio representa o 55,5% da poboación. Deste xeito a taxa de natalidade é baixa (3,3‰) e a de mortalidade elevada (18,3‰). A distribución por sexos da poboación está equilibrada (50,49 % de homes, 49,51% de mulleres).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Becerreá é do 46,1% (53,8% a masculina e 38,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,8% (49% a masculina e 34,5% a feminina) e a taxa de paro é do 9,2% (9% a masculina e 9,5% a feminina). A economía do concello erreá mudou grazas á súa consolidación como centro comarcal, e as actividades primarias, co 42,3% dos ocupados, deixaron de ser as predominantes en canto a dedicación principal da súa poboación. A maior porcentaxe das rendas familiares proveñen da explotación forestal e gandeira. Neste último aspecto predominan as explotacións especializadas no gando bovino con orientación láctea. A industria proporciona traballo ao 4,3% dos traballadores, nun sector moi vencellado ao agropecuario que ten os seus principais expoñentes nos serradoiros e na fabricación de pensos para o gando. Pola súa banda, na construción empréganse o 10,5% dos traballadores. O pulo do sector servizos reflictese nunhas cifras que o equiparan coa agricultura, 43% dos empregos totais, grazas ás melloras da accesibilidade e á consolidación da vila como centro de mercado e servizos a nivel comarcal. As comunicacións víronse moi melloradas coa entrada en servizo do treito da autovía do Noroeste (A-6) en decembro de 1998, o que facilita o acceso dende Lugo e substitúe a estrada nacional radial N-VI. Estradas comarcais (C-535 a Sarria) e locais (LU-723 e LU-722 a Cervantes e Navia de Suarna) completan a rede de infraestruturas de comunicación que atravesa o concello.
Historia
O territorio que ocupa o actual concello de Becerreá foi en época castrexa a terra do populi dos zoelas, fabricantes duns tecidos de liño moi apreciados polos patricios romanos como vestido e mesmo como vendaxes. Por estes lugares atravesaba a vía de Asturica Augusta (Astorga) a Lucus Augusta (Lugo), quedando deste xeito conectado co resto do Imperio. As parroquias que hoxe integran o concello de Becerreá pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións de Cancelada, Doncos, Neira de Rei, Penamaior, Torés Traiacastela, Val de Oselle e Vilaesteva de Herdeiros, todas da antiga provincia de Lugo. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813, as parroquias que hoxe forman o concello de Becerreá integráronse nos novos concellos de Cancelada, Cruzul, Penamaior e Torés, adscritos ao partido xudicial de Cruzul e á provincia única de Galicia, que seguirían integrados na nova provincia de Lugo, ao se dividir Galicia en catro provincias (1821). Na nova planta de 1835 as parroquias do actual concello estaban espalladas nos concellos de Cancelada, Doncos, As Nogais, Oselle, Penamaior, Somoza de Vilouzán, Neira de Rei e Triacastela, no partido xudicial das Nogais. En outubro de 1840 a Xunta Provisional de Goberno da provincia de Lugo acordou a formación do concello de Becerreá, outorgándolle a cabeceira do partido xudicial. Dende entón, non houbo alteracións na súa superficie, e o feito máis salientable foi a declaración de cabeceira comarcal dos Ancares segundo a Lei de Comarcalización aprobada en 1997 polo Parlamento de Galicia.
Patrimonio cultural
No eido da arquitectura relixiosa descan as igrexas de Santa María de Penamaior, que pertenceu a un cenobio fundada no s X, a parroquial de San Pedro de Cadolla, de finais do s XII e comezos do XIII, e o templo de San Cosme e San Damián de Ouselle, tamén medieval. No eido da arquitectura civil destacan as csaas grandes de Cormes, Cruzul, Horta e a casa-torre de Cadoalla. O patrimonio natural está representado polos espazos naturais Ancares-Courel e Cruzul-Agüeira, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas das Candelas, en febreiro; San Xoán en xuño; e do Ecce Homo en setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Ancares, Os |
| Extensión | 172 Km2 |
| Poboación Total | 3264 h |
| Poboación Homes | 1648 h |
| Poboación Mulleres | 1616 h |
| Densidade de poboación | 18.98 h/Km2 |