beguina

beguina
s f [HIST/RELIX]

Muller que pertence a unhas comunidades ou asociacións de laicos cristiáns fundadas nos Países Baixos na segunda metade do s XII, axiña estendidas por Renania, Francia e Occitania. Cando se propagaron no s XIII algúns beguinaxes transformáronse en comunidades terciarias, principalmente franciscanas. A palabra pode proceder do holandés beggaert ‘mendigo’ ou ben do predicador Lambert Begh, quen no 1184 fundara en Liexa o primeiro beguinato para mulleres. A casa máis antiga que se coñece das beguinas foi fundada en Louvain en 1220. As beguinas eran mulleres, que inicialmente proviñan de sectores urbanos acomodados, que dedicaban as súas vidas a fins sociais como o coidado de leprosos, enfermos e pobres. Caracterízanse por vivir en comunidade, consagrarse a Deus aceptando o celibato e dedicando a súa vida a obras piadosas. Non pedían esmolas nin facían votos perpetuos. Polo xeral, as autoridades eclesiásticas obrigan as beguinas a se incorporaren ás ordes terciarias, de xeito que fiquen subordinadas á xerarquía regular; as relacións coa Igrexa institucional foron difíciles, pesando sempre sobre elas a sospeita da herexía. Actualmente subsisten algunhas comunidades de beguinas en Bélxica e nos Países Baixos. O seu equivalente masculino era o begardo.