Behan, Brendan
[irlandés: Breandán O’Beaháin] (Dublín 1923 - Londres 1964) Escritor e dramaturgo. Pertencente a unha familia republicana, aos sete anos, foi condenado a tres anos de reformatorio por actividades terroristas, e aos 14 anos uniuse ao Exercito Republicano Irlandés, iniciando así unha militancia política que o levaría á cadea en dúas ocasións. Será na prisión onde principie a súa carreira literaria, primeiro escribindo breves relatos sobre a vida en Dublín para logo iniciar a súa andaina como dramaturgo coa peza, estreada no ano 1956, en versión inglesa, The Quare Fellow, aceda e sarcástica visión da pena de morte e das execucións no cárcere cun gran dramatismo. Escribiu tamén The Hostage (1958), obra teatral duramente antiterrorista, Richard Cork’s Leg (1965), corrosiva sátira da corrupción política, Borstal Boy (1958), Brendan Behn’s Island (1962), visión persoal de Irlanda, e Confessions of an Irish Rebel (1965). O espectáculo homónimo, estreado no Pike Theatre de Dublín, acadou grande éxito de público e crítica trala posta en escena que Joan Littlewood presentou en Londres en 1956 coa súa compañía o Theatre Workshop. Posteriormente estrearía The hostage (1958), adaptación dunha obra anterior escrita en irlandés (An Giall), texto no que incorpora elementos propios da tradición oral gaélica como cantigas e pezas da música popular.