Bellver, Castelo de

Bellver, Castelo de

Castelo situado sobre un outeiro, a 2,5 km de Palma de Mallorca, edificado por orde de Xaime II de Mallorca. Foi construído (1309-1311) polo mestre de obras Pere Salvà como residencia real e fortaleza. A construción, circular en planta, é de estilo gótico. Alicerzada sobre dous muros concéntricos, o perímetro está interrompido por tres torres semicirculares unidas ao corpo principal, ademais da de homenaxe, exenta e comunicada por unha ponte, que posúe nos subterráneos a famosa prisión coñecida como l’Olla. O patio de armas está arredor dunha dupla galería, de arcos de medio punto no baixo e apuntados no alto. Circundando a galería atópanse as dependencias, nas que destaca a capela con reixas e cerámica mudéxar. Estivo en mans da coroa ata que Martiño I lle concedeu a señoría á cartuxa de Valldemossa (1408). Volveu a mans do estado, servindo desde o s XVIII de prisión política e militar. No 1931 foi cedido ao concello e desde 1932 acolle o museo municipal de arte e historia locais.

Palabras veciñas

Bellver | Bellver Álvarez, Xosé | Bellver de Cerdanya | Bellver, Castelo de | Bellville | Bellvís | Belmaz