Benin
Antigo reino situado ao O do delta do Níxer, na actual Nixeria. Os seus creadores foron os binis. Acadou unha avanzada civilización de carácter urbano baixo a autoridade dun Rei sagrado, o oba. Este reino foi descuberto en 1485 polos portugueses, aínda que mantivo a súa independencia durante os catro séculos seguintes e tivo relacións constantes cos europeos. Arruinado no s XVIII polas constantes guerras, o imperio de Benin converteuse nese momento nun protectorado británico; en 1896, un pequeno grupo de británicos penetrou na cidade provocando un incidente que rematou cando os militares británicos derribaron as murallas da cidade, queimaron o pazo do oba e dispersaron a poboación. En 1914 incorporouse á colonia de Nixeria. Durante a época de apoxeo da cidade estado (ss XIII-XVII), xurdiu a célebre arte de Benin. No eido artístico desenvolveuse un tipo de escultura entroncada coa dos iorubas de Ife; trátase de cabezas, bustos e figuras humanas e de animais, feitos de bronce polo procedemento da cera perdida.