bérber
(<ár barbar ‘bárbaro’)
-
adx
Relativo ou pertencente a Berbería.
-
s
Natural ou habitante de Berbería.
-
[ETN]
-
adx
Relativo ou pertencente aos bérberes ou á súa lingua.
-
s
Individuo pertencente a un dos pobos en que se divide o grupo étnico bérber.
-
s
Grupo étnico non árabe da África setentrional, distribuído discontinuamente dende o oasis de Sīwa (Exipto) ata o Atlántico, e dende a costa mediterránea ata Hombori (Níxer), aínda que os pobos máis numerosos están instalados nas rexións montañosas do Rif, a Gran Cabila e Aurés. Os bérberes constitúen o 40% da poboación de Marrocos, o 30% da poboación de Alxeria e o 1% da poboación de Tunisia, achegándose no seu conxunto aos 10.000.000 de individuos; sen embargo, esta cifra diminúe de xeito continuado debido ao abandono da lingua e da cultura bérber en beneficio do árabe. Os bérberes, divididos en diversos pobos (nasamóns, psiles, garamantes, númidas e xétulos), habitan dende os tempos prehistóricos no Magreb. Son de relixión musulmana; sen embargo, os seus ritos relixiosos inclúen elementos animistas procedentes de crenzas premusulmanas anteriores. A maioría vive en pequenas zonas rurais e habita xeralmente en casas de tipo mediterráneo con terraza, agás os do interior, que viven en tendas de planta cuadrangular. A estrutura social baséase na familia patriarcal, están organizados en cabilas, gobernados por un consello de anciáns (ǧamā’a) e rexidos por unha lei propia (qānūn) ou conxunto de tradicións orais. Aínda que a súa orixe é moi discutida, as primeiras referencias datan do 3000 a C e aparecen con frecuencia na documentación exipcia, grega e romana. O primeiro intento coñecido de organización política tivo lugar baixo Massinissa, Rei de Numidia e de Mauritania, que, coa axuda de Roma, creou un estado bérber, desaparecido a raíz da Terceira Guerra Púnica (146 a C). Despois dese momento inicial quedaron baixo o domino romano (ss II a C-V d C), vándalo (429-531) e bizantino (531-642); sen embargo, só tivo verdadeira incidencia a dominación árabe, sobre todo a partir do s VII. Aínda que islamizados cara ao s VIII, os bérberes non foron arabizados ata o s XX. Durante a dominación árabe foi un pobo rebelde e moi conflitivo, que se sublevou en repetidas ocasións entre o 740 e o 761. No período abbásida constituíronse os reinos bérberes independentes de Tahart, Tremecén, Fez e Qayrawan. No s IX adoptaron o xiísmo e no s XI foron varridos do seu país polos beduínos. Non obstante , no momento de máxima desorde apareceron dous movementos relixiosos estritamente bérberes: o almorábide (1056-1147) e o almohade (1121-1269), que chegaron a dominar vastas extensións territoriais. Con motivo da caída do imperio almohade formáronse novos reinos bérberes: o háfsida, o abdalwadita e o benimerín. Os séculos posteriores estiveron marcados por loitas case continuas, nas que se implicaron os bérberes, árabes, españois, portugueses e turcos, para facerse co poder no N de África. Baixo a administración francesa (dende 1830) procedeuse á unificación árabe-bérber, que se acentuou trala independencia dos países do Magreb; neste sentido, o proceso de arabización é maior entre os habitantes das chairas ca entre os habitantes das montañas, que conservan a súa propia lingua e costumes.
-
adx
-
s
m
[LING]
Grupo de linguas da familia afroasiática constituída por máis de vinte linguas diferentes, faladas por uns doce millóns de individuos nunha ampla área xeográfica de África setentrional que comprende dende Exipto ata o Océano Atlántico, principalmente Arxelia e Marrocos. Están adscritas á familia bérber as seguintes linguas: o tuareg, o chaouia, o cabileny, o tamazirt, o chleuh e o zenaga. Os tuaregs constitúen un pequeno núcleo que conserva na súa forma máis pura a lingua bérber primitiva, o chamado rifeño, idioma moi disperso polo seu nomadismo e que presenta un alfabeto de caracteres consonánticos chamado tifinag, que está emparentado coa antiga escritura líbica. O resto de escritos bérberes están en caracteres estranxeiros, árabes ou latinos. As palabras comportan un tema e unhas desinencias. A raíz é sempre consonántica e o sistema é análogo ao do árabe. Como no árabe as vocais son a, i, u, aínda que xorde un novo son [e]. Os xéneros son dous: o masculino, marcado por unha vogal inicial, e o feminino, que presenta un t diante desta vocal. O número é singular ou plural, marcado pola vogal a antes ou despois da última consoante (
Ex: en singular agadir ‘tulla’, no plural igudar); ou ben por adición dun n final (Ex: en singular argaz ‘home’, no plural irgazen). O verbo preséntase en forma simple, e as formas derivadas constrúense mediante a adición de prefixos. A construción de frases subordinadas é moi pouco habitual. En canto ao léxico, nótase unha gran cantidade de vocabulario árabe, especialmente en palabras referentes á vida intelectual e relixiosa.
-
literatura bérber
[LIT]
Conxunto de producións literarias xurdidas e transmitidas oralmente entre os pobos bérberes. Son numerosos os contos e as fábulas de animais e as narracións (destaca o ciclo protagonizado por Si Goha), aínda que a produción literaria máis orixinal é a poesía, a miúdo musicada, sobre o amor e a guerra. Os imdyazen, poetas profesionais, percorren o país como os trobadores medievais. Non hai unha literatura común a todos os bérberes, e as producións locais pérdense de seguida.