Bergondo

Bergondo


Concello da comarca e da provincia da Coruña situado na marxe esquerda da ría de Betanzos, no NO da Comunidade Autónoma de Galicia (43° 18’ 5’’ de latitude N e 8° 13’ 7’’ de lonxitude O). Limita ao N coa ría de Betanzos, ao L co concello de Paderne (comarca de Betanzos), ao S co concello de Betanzos (Betanzos) e ao O cos de Sada, Abegondo e Cambre (A Coruña) . Abrangue unha superficie de 32km 2 cunha poboación de 6.540 h (2007), distribuídos nas parroquias de Bergondo, Cortiñán, Guísamo, Lubre, Moruxo, Ouces, Rois, Santa María de Babío e Vixoi. A capital municipal, a aldea de Carrío, localizada na parroquia de Bergondo. Dista 22 km da Coruña e 63 km de Santiago de Compostela e está adscrito ao partido xudicial de Betanzos e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
Bergondo está baixo o dominio climático oceánico húmido. As precipitacións medias anuais non adoitan superar os 1.000 mm e a temperatura media anual sitúase en 14°C. Esta suavidade térmica maniféstase nunha escasa amplitude térmica anual (8,5°C) resultado da existencia de invernos suaves (xaneiro é o mes máis frío con 9°C de media) e temperaturas estivais mornas (xullo e agosto, os meses máis cálidos, ofrecen medias entre 16,5°C e 17,5°C). A habitual presencia de ventos do nordés no verán contribúe a refrescar as temperaturas. Nestas condicións térmicas as xeadas son moi excepcionais. Os rexistros pluviométricos anuais non son moi elevados, gracias ao abrigo fronte ao vento ciclónico do sudoeste, que supón a interposición das plataformas occidentais galegas. Non obstante , os días de chuvia son numerosos e o ceo está frecuentemente cuberto (150 e 180 días ao ano respectivamente). A pluviosidade concéntrase entre outubro e febreiro, recolléndose nos meses do inverno o 33% das precipitacións. No verán, o total de auga caída é baixo (12%) e normalmente ningún mes supera os 50 mm. A estrutura xeomorfolóxica na que se inscribe este concello é a unidade de Betanzos-Arzúa, pertencente ao Complexo de Ordes, de cronoloxía ordovícica, caracterizada por dobramentos deitados cara ao L. Os materiais litolóxicos predominantes son os xistos cun grao de metamorfismo baixo. Esta estrutura tradúcese nunha paisaxe de formas alombadas de escasa altitude, aparecendo as máximas cotas na área occidental do concello: monte de Santa Marta de Babío (186 m de altitude), Alto do Espírito Santo (177 m) e o Castro de Armuño (187 m). A costa presenta unha morfoloxía caracterizada pola presencia de praias (Pedrido, A Cabana, Regueiro e Gandarío). O río Mandeo, no seu percorrido por terras bergondesas, forma numerosos meandros. Os regos verten cara aos límites municipais, os do N desembocan nas praias de Bergondo, pero o río Maior faino na praia de Sada. Os ríos Miodelo, Callou e Xaralleira chegan ao mar a través da marisma de Betanzos, ao L, que está declarada como espazo natural protexido.
Xeografía humana
A poboación do concello de Bergondo contaba no primeiro censo de poboación de 1887 con 5.362 h. A evolución ata 1996 foi similar á seguida no conxunto da poboación galega. Rexistrou un incremento moderado ata a década de 1910 (0,84%). Entre esa data e 1930 deuse un descenso moderado debido ao éxodo emigratorio cara ao continente americano (0,29% anual). O período intercensal 1930-1940 coñeceu un acusado crecemento (a un ritmo do 1,3% anual), malia a influencia negativa da Guerra Civil, acadándose o máximo do concello na súa historia. Este incremento estivo motivado pola imposibilidade de emigrar durante a Guerra e os primeiros anos da posguerra. A partir de 1940 os bergondeses comezan de novo a partir, primeiro masivamente cara á Coruña, cidade potenciada polas políticas de desenvolvemento da época, e logo cara a Europa, América e as cidades españolas máis prósperas, descendendo a poboación ata 1970 a un ritmo dun 0,57% anual. Entre ese ano e 1996 dáse de novo un episodio expansivo, no que se fan notar o peche da emigración exterior e a potenciación do concello como lugar de construción de segundas residencias de coruñeses e brigantinos, medrando os habitantes un 0,37% anual. O crecemento continuou a un ritmo do 8,56% (1996-2001) e 5,09% (2001-2007). En 2006 a taxa de natalidade era do 7,3‰ e a de mortalidade do 12‰. Como consecuencia da forte emigración, Bergondo presenta unha poboación bastante avellentada, onde os menores de 20 anos só supoñen o 14,5% dos efectivos, mentres que os maiores de 65 anos son o 23%; o grupo intermedio representa o 62,4% da poboación. Na distribución por sexos destacan as mulleres (51,77%) sobre os homes (48,22%). Polo que respecta ao poboamento podemos dicir que a dispersión do hábitat e a ausencia de núcleos urbanos son as características máis salientables de Bergondo.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Bergondo é do 49,5% (60,4% a masculina e 39,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,8% (55,2% a masculina e 33% a feminina) e a taxa de paro é do 11,4% (8,5% a masculina e 15,5% a feminina). Bergondo posúe unha estrutura económica bastante diversificada. O sector primario mantén certa entidade, aínda que perde forza ante a demanda de solo para usos industriais e de segunda residencia. As actividades agropecuarias ocupan o 5,5% dos traballadores (entre elas a pesca, que acolle ao 0,5% do total, dedicados ao marisqueo). A gandería ten un maior peso cá agricultura. O bovino é a especie máis estendida, pero as explotacións existentes son de escasa entidade. Dentro dos cultivos só están orientadas ao mercado plantas alleas como o kiwi ou o xirasol, mentres a floricultura acada certo pulo. A industria é o segundo sector económico atendendo ao número de persoas ás que emprega (18,7% en 1996). En Bergondo a xoiería amósase como a industria máis notoria, sendo un dos principais centros ourives españois. Esta industria funde as súas raíces nunha tradición artesanal que chega máis aló do s XVIII. O seu polígono industrial, inaugurado en 1992, ten instaladas máis de 100 empresas atraídas pola súa inmellorable accesibilidade e privilexiada situación preto da Coruña. A construción emprega o 13,6% da poboación activa, e conta con moita carga de traballo por mor da forte demanda de segundas residencias. O sector servizos é o que máis destaca como xerador de emprego (62,2% dos traballadores), que se desenvolveu da man da revalorización da calidade medioambiental existente, da súa proximidade á cidade herculina e da súa localización costeira con boa accesibilidade. Así, existe unha boa dotación de infraestruturas turísticas:oito cámpings e varios hoteis, ademais de que máis dun terzo do seu parque de vivendas son segundas residencias. Bergondo conta cunha importante e completa rede viaria. Percorren o seu territorio a Autovía do Noroeste, que pasa preto do límite municipal con Betanzos, a autoestrada AP-9, a N-VI, ao S do concello, a AC-164 (A Coruña-Ferrol), e a estrada Betanzos-Sada-A Coruña. O ferrocarril tamén atravesa o concello.
Historia
A alusión realizada por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia ao lendario personaxe Brigo como fundador de Burgundium, topónimo de orixe xermánica e primitivo nome de Bergondo, debe considerarse como un recurso retórico, habitual entre os historiadores románticos do s XIX, que facía descender aos galegos de heroes clásicos ou personaxes bíblicos. A primeira presenza humana constatada no territorio do actual concello de Bergondo procede da abundancia de castros alí localizados, pertencentes ao pobo prerromano dos ártabros; entre eles destacan o de San Fiz de Vixoi, o do monte da Fame (desfigurado pola construción dunha fábrica) e os de Illobre, Bergondiño, Montecelo, Lubre e Reboredo de Ouces. Unha tradición, sen apoio documental, afirma que o apóstolo Natanael foi o primero que predicou o cristianismo polas terras bergondinas. Existe outra tradición, a lenda do Peito Bordel, referida ao tributo das cen doncelas que os fillos de Fernán Pérez de Acuña tiñan que outorgar aos mouros, que serían logo derrotados no lugar de Ouces. O primeiro documento referido a Bergondo está datado no 1138, nel aparece mencionado un abade, Recendus de Burgundio, que confirmaba unha doazón feita polo conde de Traba á súa filla Urraca. Burgundio volve aparecer citado no testamento da mesma Urraca, no ano 1193, onde deixa certa cantidade de diñeiro para a obra da igrexa de Bergundio. Roi Xordo das Mariñas e Martiño de Ouces, xefes nas primeiras Revoltas Irmandiñas do s XV en contra dos abusos cometidos por Nuño Freire de Andrade o Mó, eran naturais das Mariñas de Bergondo. En 1469 dona María das Mariñas fundou o morgado do que provén a denominación da comarca, á que pertencían case todas as actuais parroquias de Bergondo e mais algunhas de Sada e Oleiros. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello pertenceron ás xurisdicións señoriais de Babío (parroquia de Babío) e Miraflores (Guísamo, Lubre e Ouces) e á de reguengo de Betanzos (Bergondo, Cotiñán, Moruxo, Vixoi e Rois), todas elas na provincia de Betanzos. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813 xurdiu o concello de Bergondo, integrado na provincia de Galicia. Trala división de Galicia en catro provincias no ano 1822, adscribiuse á nova provincia da Coruña. Dende entón está integrado polas mesmas parroquias, sen alteracións.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destaca a igrexa románica de San Salvador de Bergondo (BIC, 1973) que pertenceu a un mosteiro beneditino do s XII . No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Armuño, de orixe medieval; o de Mariñán ou de Láncara (BIC, 1972), nos que destacan os seus parques e xardísn; a Quinta de San Victorio, cuxo contorno foi declarado BIC en 1980, en San Fiz de Vixoi; ademais dos pazos de Valdomir, en Guísamo, o de Casal, en Santa Marta de Babío, e os de Fiobre e da Colmela, en Moruxo. O patrimonio natural está representado polo espazo natural Betanzos-Mondeo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras festas, as de Santa Marta no mes de xullo, e o Festival de Música Galega en Guísamo.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Coruña, A
Extensión 32 Km2
Poboación Total 6540 h
Poboación Homes 3154 h
Poboación Mulleres 3386 h
Densidade de poboación 204.38 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias