Bernal de Bonaval
Xograr probablemente galego a xulgar pola súa rúbrica: “En esta folha adeante se comenzan as cantigas d’amor. Primeiro trobador Bernal de Bonavalle” do hipotético Cancioneiro de Xograres Galegos que Resende de Oliveira discerneu no interior da estrutura xeral dos apógrafos italianos, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Ademais, adoita identificarse o topónimo Bonaval coa aldea homónima de Santiago de Compostela, daquela situada fóra das murallas e da vila, onde se ergue o mosteiro de San Domingos de Bonaval. Practicamente, toda a crítica opta pola súa orixe compostelá, aínda quen tamén hai que opta por atribuírlle outra orixe. Xa Resende de Oliveira subliñara que Bonaval é tamén o nome dunha vila de Toroño, na zona de influencia do bispado de Tui, que o magnate e trobador portugués Garcia Mendez d’Eixo, da familia dos Sousa, coñecía dabondo xa que casara con Elvira Gonçalvez de Toroño; deste xeito, o trobador estaría relacionado coa liñaxe dos Sousa e, por tanto, co xograr Abril Perez. O eixo cronolóxico da súa actividade poético-musical ofrece menos dúbidas xa que certos elementos internos permiten inserila entre os anos 1220 e 1255: a súa relación co xograr Abril Perez; as mencións efectuadas por outros autores; a alusión nunha cantiga de amigo á ausencia do “amigo” no día da “sagração” de Bonaval. Se se acepta a hipótese resendiana sobre a identidade de Abril Perez, o ano 1221, data documentada para este xograr, serviría de punto de partida para a carreira poético-musical de Bonaval encadrada posiblemente no contorno das cortes dos Sousa-Toroño. No que atinxe ao segundo apartado hai coincidencia na crítica en dicir que o “Don Bernaldo” ao que se dirixen Airas Perez Vuitoron, Johan Baveca e Pero da Ponte en tres cantigas de escarnio é Bernal de Bonaval; así, mediante as biografías destes autores, cabe a posibilidade de encadralo no séquito de Fernando III ou no do seu fillo, o infante Alfonso, ou nos episodios bélicos da Reconquista (Murcia, 1242-43; Xaén, 1246, Sevilla,1248). O tratamento de “don” que lle brindan os tres autores mencionados, ao igual que Abril Perez na tenzón, provocan dúbidas con respecto á súa condición de xograr. Ademais, tanto Airas Perez Vuitoron como Pero da Ponte trátano de “bon segrel”, isto é, de xograr-compositor. Pero como “segrel” é unha especificación aínda non ben definida nin ben acollida polos estudiosos, e os termos “trobador” e “xograr” agochan, no fondo, unha distinción social e non tanto poética, é preferible consideralo xograr ou autor de cantigas non procedente da nobreza. Finalmente, o terceiro elemento permitiría afirmar que o xograr se ausentou de Bonaval en 1230, ano establecido para a consagración do templo de Bonaval. Os apógrafos italianos e a Tavola Colocciana atribúenlle 19 cantigas pertencentes ao rexistro amoroso, 10 cantigas de amor, 8 cantigas de amigo e 1 tenzón con Abril Perez que trata de casuística amorosa. Todas as cantigas están copiadas no que constitúe o vestixio dun Cancioneiro de Xograres Galegos que foi inserido na sección das cantigas de amigo dos apógrafos italianos. Primeiro aparecen as cantigas de amor, segue a tenzón, e finalmente as cantigas de amigo. As cantigas de amor desenvolven temas coñecidos da tópica amorosa. Así, aparece o recorrente motivo dos diferentes síntomas que provoca o amor no namorado (a coita, o desexo de morrer, etc), un amor que é xulgado como inevitable ao igual que a nunca ben aceptada indiferenza do suxeito do amor; insatisfacción que deriva, mesmo, na presenza do motivo da mala cançó como en “Por quanta coyta me faz mha senhor”. Outra das imaxes é a da imposibilidade de dizer a coita á senhor, por mor, sobre todo, do pavor que lle provoca a dona. No fondo desta imaxe latexa o motivo do segredo do amor, non dizer a coita é neste caso sinónimo de discreción, calidade altamente valorada no servizo amoroso, ao igual ca o da constancia e fidelidade do servizo a pesar de que o mesmo o conduce inevitablemente á morte de amor. A pesar disto, nunha cantiga o autor reclama de Amor, entidade divina que percorre o cancioneiro como causante, ao émulo de Deus, dos males dos namorados, que lle faga ben, isto é, que lle conceda algunha satisfacción amorosa. Igualmente, as cantigas de amigo debuxan escenas coñecidas, con gran variedade de personaxes poéticos que collen a palabra ou que simplemente figuran como interlocutores (a nai, a amiga, as fremosas, a irmá, o amigo), contribuíndo a desenvolver un clima “popular” e fundindo as súas raíces motivacionais no universo simbólico do folclore, en principio afastado do canon trobadoresco, pero que sería introducido nel, sobre todo, polos autores do Cancioneiro de Xograres Galegos. Dentro desta premisa adquire unha especial importancia o motivo do encontro e/ou separación dos namorados arredor dun espacio, nomeado (Bonaval) ou non, para tratar aspectos tan característicos como o mandado do amigo, a chegada do amigo, a ausencia do amigo, a partida do amigo ou o carácter da relación (falar, non falar, veer, etc) que mantén a amiga co seu namorado e do que fala coa súa nai ou irmá. Finalmente, a súa tenzón con Abril Perez reflicte como ambos procuran demostrar a súa superioridade poética por medio da superioridade da dona cantada por cada un deles. O máis salientable é o diferente nivel lingüístico que empregan: Bernal de Bonaval exprésase nunha lingua coloquial e modesta, mentres que Abril Perez emprega unha modalidade lingüística coidada e solemne. Desde un punto de vista formal destaca a busca do autor por fórmulas en aparencia sinxelas. En seis cantigas emprega o esquema métrico-rimático aaB, isto é, un dístico monorrimo seguido dun verso de rima distinta que constitúe o refrán. Noutras cantigas a estrutura que lle confiren os editores permite unha regularización que conduce ao esquema anterior. Así, en “Poys mi dizedes, amigo, ca mi queredes vós melhor”, aparece un esquema do tipo aaBB, pero a medida dos versos permite unha regularización do tipo aaB. Ligado a este caso está “Fremosas, a Deus grado, tan bon dia comigo”, que ofrece un esquema aaAA reconducible a un do tipo aaA. Trátase, sen dúbida, dun compositor ligado á cantiga de refrán, xa que a emprega en 13 das 19 composicións. Do mesmo modo, reflíctese a súa preferencia polo verso de dez sílabas, que aparece en 10 textos, e pola polimetría presente en 10 cantigas. Con respecto á ligazón interestrófica, a cobra máis empregada é a singular (11 cantigas), aínda que destacan dúas cantigas pola súa imbricada estruturación rimática: “Pero me vós dizedes, mha senhor” e “Por quanta coyta me faz mha senhor”, dúas cantigas de amor definidas como singulares que esconden no seu interior unha recorrencia de rimas máis elaborada e rica. Ligado á presenza do esquema aaB atópase o omnipresente recurso do paralelismo e da cobra capdenal. Tamén é frecuente a presenza de recursos ligados aos fenómenos da repetitio, ben en inicio de verso como en “Amor, ben sey o que m’ora faredes”, onde a palabra amor se repite nas tres cobras aínda que non de maneira simétrica, ben en posición de rimante como en “Pero m’eu moyro, mha senhor”, onde o sintagma mha senhor aparece nas catro estrofas no primeiro verso.