Bertamiráns
Lugar da parroquia de Ortoño que constitúe o núcleo urbano capital do concello de Ames. A súa situación, na estrada de Santiago de Compostela a Noia (comarcal C-543), converteuno en capital municipal entre 1900 e 1920. En 1960 recuperou esa condición. Debido á súa proximidade á cidade compostelá (a menos de 10 km), designada capital da Comunidade Autónoma de Galicia en 1981, Bertamiráns experimentou un proceso de expansión urbanística especialmente intenso dende principios da década dos noventa. Este proceso viuse favorecido pola tendencia xeral á localización residencial nas periferias, propiciada neste caso concreto pola carestía do solo en Santiago de Compostela. Deste xeito, promovéronse en Bertamiráns multitude de urbanizacións de vivendas unifamiliares e apartamentos, primeiro á beira da estrada, para posteriormente irse espallando cara a localizacións máis interiores, pero sempre mantendo unha accesibilidade óptima á estrada C-543. Paralelamente ao desenvolvemento da edificación, fóronse instalando no lugar unha serie de servicios administrativos, educativos, sanitarios, financeiros e comerciais moi diversificados.