bésta

bésta

(

  1. s f

    Máquina antiga de guerra empregada para lanzar proxectís nos asedios.

    Confrontacións: catapulta.
    1. s f

      Arma ofensiva constituída por un arco (de madeira, hasta ou aceiro) coa corda correspondente, colocada en sentido transversal e disposta sobre un mango ou soporte de madeira denominado mastro. Cando se tensa a corda ata curvar o arco, ben coa man ou coa axuda dun garfos, dun gancho ou dun armatoste, conséguese a enerxía necesaria para impulsar o proxectil (pasador, frecha ou virador), colocado nunha canle lonxitudinal do mastro e suxeito pola noz, unha peza de hasta ou de aceiro en forma de unlla que mantén a corda tirante e que se pode mover por medio da chave. A precisión do tiro era superior á do arco e o seu alcance estaba próximo aos 250 pasos. Utilizábase preferentemente como arma de guerra, aínda que servía tamén para a caza. A bésta aparece documentada xa no século XII.

    2. xogo da bésta

      Exercicio de destreza no tiro con bésta, que consiste en dispararlle ao branco dun obxectivo. Foi moi popular nas cidades europeas dende finais do século XIII ata o XV.

  2. s f

    Enreixado constituído por dous grupos de listóns paralelos, articulados, que se alonga ou se acurta a vontade, e que se utiliza para alcanzar obxectos que están nunha fiestra ou nun lugar alto.

  3. s f [ASTRON]

    Instrumento utilizado na Antigüidade para medir a altura dos astros. Consistía nunha barra de un metro de longo aproximadamente; ao longo desta barra podíase desprazar outra pequena (máis adiante dúas, tres e ata catro) duns 70 cm, perpendicularmente á primeira. Dirixíanse dúas visuais que tiñan que pasar polos extremos das barras pequenas e chegaban ata a estrela e o horizonte respectivamente. Era menos precisa ca o cuadrante ou có astrolabio náuticos pero foi moi utilizada no século XVI polos navegantes.

  4. s f [CAZA]

    Trampa para atrapar aves. Consiste en dúas semicircunferencias de arame, unidas por un eixe diametral rodeado por un resorte. O animal cázase cando este move a peza de retención que serve de suxeición do resorte.

  5. s f [ETN]

    Arco de ferro que vai dun brazo do carro ao outro para, cando se transporta moita carga, evitar que esta roce o corpo do animal.

  6. [MAR]

    Cabo groso localizado na antena e na alzada do puño de amura para evitar que oscile.

  7. s f [TECNOL]
    1. Resorte que traballa en flexión, e que adoita estar constituído por unha serie de follas ou láminas, planas ou lixeiramente arqueadas, de aceiro resistente e elástico, que teñen a mesma anchura, pero unha lonxitude diferente. Van unidas por medio dunha brida e mantéñense aliñadas a través de abrazadeiras. A parte central da bésta, que soporta o momento máximo de tensión, é o que ten máis número de follas. Nas béstas curvas, chamadas tamén béstas semielípticas, a lámina máis longa (lámina mestra ou folla mestra) é case sempre plana e ten os seus extremos enroscados formando un ollo no que se aplica o esforzo; as outras láminas son máis curtas e máis curvas. Estas béstas son as que máis se utilizan como elemento de suspensión en diversos vehículos, como os automóbiles, as locomotoras e os vagóns de ferrocarril, onde adoitan estar colocadas en posición perpendicular aos eixes e, nalgúns casos, en paralelo (béstas traveseiras). A bésta vai articulada, polo xeral, ao bastidor polos seus extremos mediante xemelgos, que a fixan completamente permitíndolle a flexión. Tamén pode ir colocada en voadura, coa carga colocada nun único extremo (media bésta ou semibésta). A bésta parabólica, constituída por unha única folla de aceiro forxado, presenta unha sección variable. Algunhas béstas levan na parte superior da folla mestra un conxunto de tres ou catro follas máis, suxeitas polo centro ao paquete da bésta principal.

    2. Peza do torno primitivo consistente nun arco de madeira flexible que se torcía cando se empezaba a tensar a corda que unía os seus extremos pola acción doutra colocada en sentido vertical. Esta corda transmitía a forza aplicada polo operario por enriba da premedeira, e volvía á súa posición a causa da súa flexibilidade cando se deixaba de aplicar aquela forza.

  8. s f [TÉXT]

    Nalgúns teares a man e nos mecánicos que teñen os excéntricos no interior, cordel que une cada trama coa premedeira correspondente.

Palabras veciñas

Best, Charles Herbert | best-seller* | besta | bésta | Bestar | Bestarruza | Besteburiz