Biblia

Biblia

(

  1. s f [RELIX/LIT]

    Sagradas escrituras dos xudeus e dos cristiáns. Na Antigüidade designábanse aos libros sagrados co plural gregoτα βιβλια, ‘os libros’, designación que pasou ao latín co nome de biblia. Ao falaren dos libros sagrados, os xudeus e os primeiros cristiáns dicían xeralmente “a escritura” ou “as escrituras”. As escrituras xudías que contiñan o código da alianza entre Deus e o pobo de Israel, eran tamén coñecidas polo nome “alianza” (testamentum en latín). A partir do s II, os cristiáns deron igualmente ás súas escrituras o nome de “alianza”; dende aquela, na Biblia dos cristiáns hai que distinguir dúas “alianzas” ou testamentos: o Antigo e o Novo. Segundo o pensamento cristián, a través do Antigo Testamento, Deus realiza o seu designio de salvación e anuncia a obra do futuro Salvador. Esta presenza do plan de Deus na historia humana é o que constitúe a historia do pobo da Antiga Alianza. O Novo Testamento ou libro da Nova Alianza completa o Antigo. Trata fundamentalmente de Cristo, como cumprimento e realización da Antiga Alianza, da súa vida e da súa doutrina, e tamén dos primeiros pasos da Igrexa. Nesta interpretación, o Antigo Testamento estaba dirixido a preparar, anunciar profeticamente e significar con diversas figuras a chegada de Cristo, redentor universal, e a do reino mesiánico. A maior parte dos libros do Antigo Testamento foron escritos en hebreo, e algún en arameo. Os do Novo Testamento foron escritos en grego, agás o Evanxeo segundo san Mateo, que segundo consta pola tradición patrística e polas análises morfolingüísticas foi escrito en arameo. Unha versión grega do Antigo Testamento (os Setenta) copiouse en Alexandría despois do s III a C. No s IV d C, san Xerome traduciu a Biblia completa ao latín (Vulgata). Aínda que o nome de Biblia designa un só libro, son varios os que a compoñen. No Antigo Testamento, os xudeus e cristiáns da igrexa reformada (protestantes) reúnen 39 libros. Os católicos engaden 5 escritos procedentes da Biblia grega dos Setenta. O conxunto dos libros do Novo Testamento, escritos en grego, comprende os catro Evanxeos, os Feitos dos Apóstolos, as Cartas de san Paulo, as Cartas Católicas (de Santiago, san Pedro, san Xoán e san Xudas) e o Apocalipse de san Xoán.
    Antigo Testamento

    Ambiente orixinal e marco social hebreo
    A produción literaria do Antigo Testamento funde moitas raíces das culturas que a preceden en tempo e forza creadora, como son as do Exipto e da Mesopotamia. En Exipto existe unha Teoloxía memfita da creación, duns 2000 anos a C, que presenta analoxías coa doutrina do Logos; o Rescate da humanidade da destrución (s XIV a C), onde aparece o mito do pecado; a tradición dos sete anos de fame en Exipto (que se remonta ao s XXVIII a C, se ben a súa redacción é posterior); a sabedoría de Amenemope (s VIII a C), que garda un notable parentesco co libro dos proverbios, etc. En Mesopotamia existe unha colección importante de mitos, poemas épicos, textos legais, textos históricos, himnos, etc, que tampouco poden ser esquecidos ao estudar a literatura veterotestamentaria: o diluvio, mito sumerio de difícil datación, do que a narración de Noé (Xénese) é unha especie de réplica; o Poema da Creación, coñecido polo título acadio Enuma Elis, do s XX a C, interesa dende o punto de vista bíblico polo feito de que se trata da historia das orixes e porque a descrición do libro da Xénese ten innegables semellanzas. Ao falar do ambiente orixinal da literatura bíblica non se pode esquecer tampouco a influencia do pensamento helenístico nalgunhas obras denominadas sapienciais, como o libro da Sabedoría, escrito orixinalmente en grego. O marco social no que se orixinou o texto bíblico é o da transición dunha sociedade indivisa cara a unha sociedade dividida, de base económica gandeira, na que predominaba o pensamento civilizado. De feito, o relato veterotestamentario é a narración do pobo de Israel: Abraham preséntase como o pai deste pobo, organizado máis tarde por Moisés, introducido na terra de Canaán por Xosué, rexido nun primeiro momento polos xuíces, cunha estrutura monárquica a partir de Saúl e co seu Rei ideal David; pobo chamado a un elevado ideal relixioso e ético polos profetas, humillado por dous exilios, restaurado en tempos dos persas, víctima da influencia político-cultural de Grecia e, finalmente, dominado polos romanos.
    Redacción da literatura veterotestamentaria
    Ata o reinado de David (ss XI-X a C), na tradición literaria de Israel a escritura tiña un papel moi restrinxido. En tempos de Salomón (s X a C) foron fixadas as características literarias básicas da tradición iahvista, nada no reino de Xudá; no s VIII a C tivo lugar a fixación literaria da tradición eloísta, orixinaria do reino do N, Israel. Ambas as dúas tradicións fusionáronse en tempos de Ezequías (716-687 a C). O exilio do ano 586 a C, logo da invasión Babilonia, creou novas necesidades: desaparecida a monarquía e privados do templo, os xudeus atopábanse con dificultades para manter a súa fe. Os sacerdotes estiveran sempre en Israel, os homes das tradicións, os especialistas da Toráh. De entre este grupo sacerdotal do exilio, formado por teólogos e arquivistas, escritores e historiadores, xurdiu a obra monumental á que, na linguaxe da crítica bíblica, chámaselle Código sacerdotal (Priester Codex). Forman o núcleo desta obra un conxunto de leis que abranguen todo o Levítico, a metade do libro do Éxodo, dúas partes do libro dos Números e o primeiro capítulo da Xénese. Despois do exilio, estas tradicións uníronse, e desta unión xurdiu o Pentateuco na súa forma actual. Da época monárquica son tamén unha parte do libro dos Salmos, os dous libros de Samuel, a primeira parte do libro dos Xuíces, o Proto-Isaías, Amós, Osces, etc. Era unha época de gran prosperidade económica e de grande actividade literaria, gracias, sobre todo, ao impulso dos reis de Xudá, Ezequías (728-699 a C) e Ioxías (641-609 a C). Na época da desilusión postexílica decreceu a actividade literaria. Ao final do s IV e ao comezo do s III a C, un escritor fortemente influído pola mentalidade dos ambientes sacerdotais, emprendeu a tarefa de explicar ao seu xeito a historia do pobo da Alianza, dende as orixes ata a época de Nehemías. A súa obra divídese hoxe en catro partes; os dous libros das Crónicas (ou Paralipómenos) e os libros de Esdras e Nehemías. Apareceu o libro dos Proverbios (s IV a C). Foron redactadas tamén dúas obras dunha grande importancia para o desenvolvemento do pensamento bíblico: Qohélet (Eclesiastés) e Xob. A última etapa da creación literaria abriuse coa penetración político-cultural de Grecia no Próximo Oriente. Son desta época os dous libros dos Macabeos, Tobías, Xudit, Ester, Daniel, o Cantar dos Cantares, Ben Sira (Eclesiástico) e o da Sabiduría. Case todos os libros do Antigo Testamento foron escritos en hebreo. A partir do s VIII a C, o arameo converteuse na lingua máis usual das relacións internacionais en toda a Asia interior; despois do exilio do 586 a C suplantou ao hebreo, e dende entón converteuse na lingua da tradición, da literatura sagrada e da liturxia. Entre os ss III e II a C, o Antigo Testamento foi traducido ao grego, á koiné ou lingua común, que se converteu en lingua usual e popular a partir do s IV a C.
    Contido do Antigo Testamento
    O Antigo Testamento ábrese coa narración xénica da creación do mundo e do home, amodo de prólogo, para describir a orixe, as vicisitudes e o destino trascendental do pobo de Israel dende o seu fundador, Abraham. Formalmente, o Antigo Testamento xira ao redor do concepto do berit, da Alianza: Iahvé sela no monte Sinaí un pacto con Moisés que significa a constitución formal do seu pobo, ao que sacara de Exipto. Cando Xosué entrou en Canaán renovou a Alianza en Siquem; na época dos reis, os profetas continuaron coa súa predicación e coas esixencias da Alianza, reiterado solemnemente na reforma de Xosfes antes do exilio. Durante a catividade de Babilonia, o pobo xudeu recuperou a consciencia dos seus valores relixiosos e morais, e, de volta a Palestina, renovou a Alianza.
    Novo Testamento

    División do Novo Testamento
    Agrúpanse os escritos que forman o Novo Testamento en tres series: cinco narrativas, vinte e unha en forma epistolar e un profético. Os libros narrativos son as catro versións do Evanxeo e os Feitos dos Apóstolos. Os escritos en forma epistolar son as catorce cartas atribuídas pola tradición a San Paulo e a de Santiago, as dúas de Pedro e as tres de Xoán. Finalmente, a terceira serie contén unha soa obra, o libro profético do Apocalipse.
    Formación do conxunto neotestamentario
    Existe unha relación íntima e indisoluble entre as versións do Evanxeo e a vida da Igrexa primitiva. Da súa lectura despréndese que se trata dunha comunidade apostólica (formada ao redor dos apóstolos) crente (integrada por aqueles que crían en Xesús resucitado), bilingüe (orixinariamente aramea, pero na cal se engadiron ben pronto os xudeus de fala grega, procedentes da diáspora), xudea (profundamente ambientada no mundo veterotestamentario e na espiritualidade e nas formas de vida xudeas da época), popular (composta case toda de xente sinxela, pertencente a un ambiente infraliterario), e escatolóxica (dominada pola esperanza da inminente parusía, segundo se deduce principalmente dos escritos de Paulo). Non obstante , a descrición que presenta o libro dos Feitos dos Apóstolos supón unha época posterior, cando a escatoloxía perde a súa forza e é substituída pola consciencia dunha prolongada existencia no tempo. Os relatos do Evanxeo están formados de material tradicional, de pequenas unidades literarias que tiveran antes vida propia e independente e que, máis tarde, foron agrupadas dunha maneira bastante artificial e convencional en coleccións e unidades máis amplas. Entre o tempo que viviu Xesús e a redacción dos Evanxeos transcorreron moitos anos. A lingua do Novo Testamento é o grego, pero non un grego especial, sagrado, diferente do grego profano da época, aínda que fortemente influído polo grego da versión alexandrina dos Setenta. A maior parte do vocabulario neotestamentario pertence á koiné. Así mesmo, estes escritos están marcados polo ritmo.
    Contido do Novo Testamento
    O núcleo central do Novo Testamento está constituído pola cristoloxía, que presenta a Xesús como o Cristo, o Mesías que padeceu, morreu e resucitou polo poder de Deus Pai erixido en Señor (Kyrios) do Universo. Deste xeito as catro versións canónicas do Evanxeo (A Boa Nova), presentan a vida de Xesús e a súa predicación en base á tradición oral da comunidade primitiva, recollendo os relatos de testemuñas directas nunhas ocasións, pero tamén engadindo discursos teolóxicos máis elaborados noutras, como por exemplo nos relatos da infancia, que falan do seu nacemento en Belén, da adoración de que foi obxecto por parte dos pobres e dos xentís e da súa fuxida a Exipto por mor da persecución herodiana, circunstancias todas elas constitutivas dunha epopeia revestida de tintes heroicos que persigue como intención última amosar a Xesús como alguén realmente escollido e de natureza prodixiosa e sobrenatural, en definitiva, divina. A súa actividade pública foi obxecto nos libros do Evanxeo dunha atención preferente, na que se insiste máis que no desenvolvemento dos aspectos doutrinais, na mensaxe esperanzadora de salvación que constitúe o núcleo da súa predicación (a paternidade de Deus e a irmandade dos homes) a través do exemplo que proporciona a conduta profética de denuncia social e relixiosa e achegamento aos pobres e excluídos. A parte eclesiolóxica está moi desenvolvida no libro dos Feitos dos Apóstolos, documento fundacional da igrexa nacente (pois arrinca coa aparición do Resucitado e a súa posterior Ascensión), e nas epístolas, sobre todo nas de Paulo, o verdadeiro ideólogo do cristianismo, quen grazas á súa formación filosófica e teolóxica hebrea e grega, foi o principal artífice do artellamento da esencia da mensaxe de Xesús nun discurso comprensible para o mundo cultural grecorromano, propiciando deste xeito a súa difusión universal.
    Valoración, influencia e transmisión da Biblia

    Criterios de valoración da Biblia
    O primeiro criterio de valoración da Biblia é un criterio teolóxico. A tradición xudea e cristiá (protestante e católica) considera a Biblia palabra de Deus na medida en que a considera inspirada. A natureza desta inspiración constitúe un dos problemas máis difíciles da teoloxía cristiá en xeral. Os xudeus do Antigo Testamento atribuíron un carácter sagrado aos libros bíblicos porque os consideraban de orixe divina. A verdade bíblica exprésase dun xeito diferente nos textos históricos, nos proféticos, nos poéticos (poesía lírica, gnómica, didáctica), apocalípticos, etc. Condición indispensable para a eséxese recta dun libro é determinar o xénero literario ao que pertence e descubrir as peculiaridades e as leis do mencionado xénero. A crítica textual e a crítica literaria axudan tamén a valorar os escritos bíblicos.
    A transmisión do texto bíblico e as versións
    As fontes directas do texto bíblico son os manuscritos que chegaron a través de papiros e pergamiños. As fontes indirectas son as antigas versións e as citacións patrísticas. Respecto aos manuscritos do Antigo Testamento, cómpre distinguir primeiramente os do Antigo Testamento hebreo. A compilación de variantes de De Rossi rexistra máis de 1.300 manuscritos, número que foi aumentando por mor de novos descubrimentos, principalmente grazas ás de Guenizá do Cairo. Os manuscritos máis antigos do Antigo Testamento hebreo non remontan máis alá do s IX a C. A comparación destas fontes directas ten relativamente pouco valor para a crítica textual e dan un texto que coincide substancialmente co masorético ( masora). De aquí a importancia que teñen os manuscritos do mar Morto ( Qumran), descubertos en 1947. A transmisión do Antigo Testamento grego coincide case coa do Novo Testamento grego. A ciencia bíblica coñece máis de 1.500 manuscritos do Antigo Testamento e uns 4.250 do Novo Testamento gregos. O total de copias manuscritas do Novo Testamento presenta un número impresionante de variantes, unhas trescentas mil, aínda que case sempre se reducen a detalles sen importancia. As versións antigas da Biblia son importantes para o seu estudio. A máis digna de terse en conta é a devandita dos Setenta, comezada no s III a C e rematada no ano 150 a C. Empregábase nas sinagogas como a Biblia oficial do Xudaísmo helenístico. Os escritores cristiáns do Novo Testamento adoitan citar o Antigo Testamento segundo esta versión. Despois da destrución de Xerusalén, ao agudizarse a oposición entre Xudaísmo e Cristianismo, os xudeus deixaron a versión dos Setenta. Houbo tres versións gregas máis, que, en parte, a substituíron entre os xudeus da diáspora. Tamén existen versións en arameo. Todas elas comezaron pola explicación que enmarca o texto, e ao ser fixadas as explicacións por escrito recibiron o nome de targum, ou sexa, tradución; sen embargo, máis que traducións, son paráfrases. A versión siríaca máis importante é a Pesita (ss II-IV d C). Cómpre mencionar tamén o Diatessaron de Tacia (s II d C), que ofrece en lingua siríaca o texto dos catro evanxeos. O copto posúe unha serie de versións baseadas nos Setenta. Todo o resto das versións prexeronimianas son denominadas Vetus Latina. A crecente diversidade de variantes textuais, procedentes de correntes heréticas ou interpretacións diversas, moveu ao Papa Dámaso I a encargar a san Xerome unha revisión do texto do Novo Testamento, primeiro, e do Antigo Testamento, despois. O resultado foi a Vulgata (ss IV-V d C) e a formación dun conxunto de textos coñecidos como Evanxeos Apócrifos. En canto ás edicións, cómpre destacar a Biblia Políglota Complutense (1514-1517), do cardeal Francisco Jiménez de Cisneros; a políglota de Anveres (1569-1573), de Benito Arias Montano; a políglota de París (1629-1645), de Morin; a políglota de Londres (1654-1657), de Brian Walton; e a Biblia Polyglota Maritrensis (1970). A partir do 1929, o texto hebreo recibiu catro importantes edicións críticas, a máis coñecida a Biblia Hebraica de Kittel. As edicións críticas dos Setenta son máis numerosas: as de R. Holmes-J. Parsons (Oxford, 1798-1827), de A. E. Brocke-N. MacLean-H. Thackeray (Cambridge, dende o 1906), de A. Rahlfs (Stuttgart, 1935) e de J. Ziegler. Cómpre destacar como principais edicións críticas do Novo Testamento a de C. Tischendorf, Editio octava critica maior (Leipzig, 1869-1872), a de H. von Soden (Berlín-Göttingen, 1902-1913), E. Nestle (Stuttgart, 1960, na 24 edición) e a de A. Merk-Lyonnet (Roma, 1956, na sétima edición). A actual división da Biblia en capítulos débese a S. Langton, que a introduciu na Vulgata en 1214. A división dos capítulos en versos para o Antigo Testamento realizouna san Pagnini en 1527; para o Novo Testamento séguese o sistema de R. Stefano, que o propuxo en 1551. Malia que estas introducións foron produto da Teoloxía cristiá, os xudeus aceptáronas.
    As traducións da Biblia ás linguas modernas
    Durante a Alta Idade Media, por mor do analfabetismo do pobo e o uso xeral do latín no Occidente europeo como lingua litúrxica e de cultura, as traducións bíblicas nas falas populares foron escasas e incompletas. A partir do s XII, cos cátaros, as traducións aparecen asociadas con movementos heréticos. A raíz destes movementos foron promulgadas, no concilio de Toulousse (1229) e no sínodo de Tarragona (1234), diversas prohibicións de ler a Biblia en lingua vulgar e a obriga de destruír os exemplares traducidos a elas. A versión adulterada de John Wycliffe obrigou ao concilio de Oxford (1408) a impor censuras. A raíz da Reforma, a Igrexa Católica adoptou unha actitude recelosa e algúns papas ditaron normas xerais prohibindo aos católicos ler privadamente a Biblia en lingua vulgar e servirse de edicións, que practicamente prescribiron, se se atén ao número crecente de versións ecuménicas e sen comentarios. No s XV, baixo a revolución técnica da imprenta, foron publicadas as primeiras versións completas da Vulgata ao alemán e ao italiano. Pero foi no s XVI, coa axuda da erudición achegada polo espírito renacentista e baixo o pulo da Reforma protestante, cando aparecen as traducións de maior significación cultural, que, en xeral, prescinden da Vulgata. Durante o s XVIII e, sobre todo, o s XIX, a Biblia foi traducida a máis de duascentas linguas asiáticas e africanas, a miúdo a partir de versións occidentais.
    As versións galegas
    As particularidades derivadas da historia sociolingüística do noso país provocaron unha relativa tardanza na incorporación do galego ás traducións bíblicas con respecto a outros idiomas. Así, os primeiros textos bíblicos en galego, versións dos Evanxeos traducidas do castelán, apareceron en 1860 e 1861. Non obstante , estes traballos, lonxe de ser escritos cunha intención litúrxica ou pastoral, tiñan como principal motivación a curiosidade filolóxica. Houbo que agardar á segunda metade do s XX para que se editaran os primeiros textos con vocación de servicio á comunidade eclesial. En 1964 publicouse o Cantar dos Cantares, traducido por Vidán Torreira. Dos catro Evanxeos tirouse en 1965 unha tradución elaborada por X. Morente e M. Espiña. Outros libros foron traducidos en publicacións posteriores: a Apocalipse foi traducida por Vidán Torreira e X. Precedo, en 1966; Manuel Casado Nieto publicou o Libro de Xob, o Eclesiastés e o Cantar dos Cantares nun volume de 1968 editado polo Centro Galego de Barcelona e a Xénese e o Libro de Amós na revista Grial (nº 27 e nº 35, respectivamente). Un fito fundamental para a consecución dunha versión galega completa da Biblia católica constituíuno a creación en 1966 da Sociedade de Estudios, Publicacións e Traballos (SEPT), nada coa vontade de subsanar as carencias nestes eidos. En novembro de 1973, o seu consello de administración decidiu realizar a tradución da Biblia partindo das fontes orixinais (en arameo, hebreo e grego), para o cal artellou un amplo equipo de colaboradores coordenados por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga. O primeiro froito do seu labor foi a publicación en 1980 do Novo Testamento. En 1989 publicouse a versión íntegra da Biblia católica traducida ao galego dende as linguas orixinais.
    A ilustración bíblica medieval
    Os exemplos máis antigos de ilustración bíblica pertencen ao final do Imperio Romano e aos primeiros séculos da Idade Media. Os máis antigos son os poucos fragmentos da versión ítala da Biblia, que foron descubertos en Quedlinburg (Alemaña) formando parte dunha encadernación do s IV. A Xénese de Viena, o manuscrito bíblico da Catedral de Rossano e o procedente de Sinope, hoxe en París, pertence ao evanxeliario siríaco de Rabula, do s VI, e son exemplos da primitiva miniatura oriental, na cal se pode ver aínda o recordo da arte helenística unida a tradicións de Oriente, que despois se perpetuaron na miniatura europea medieval. Entre os manuscritos bíblicos occidentais miniados destacan o Pentateuco Ashburnan, do s VII, de posible orixe hispánica ou talvez africana, e a Biblia Aniatina, hoxe na Biblioteca Medicea-Laurenziana, de Florencia, copiada cara ao ano 700 nos mosteiros británicos de Jarrow e Wearmonth. Datada a comezos do s VIII, os célebres evanxeliarios irlandeses, o máis famoso dos cales é o Libro de Kells, do Trinity College de Dublín. Ao final do s VIII e durante o s IX e unha parte do X, floreceu a miniatura carolinxia, que deixou espléndidas copias de salterios e evanxelarios, as dúas grandes biblias de Carlos o Calvo e os evanxelarios xermánicos dos emperadores otónidos. Os ss X e XI constitúen o período máis brillante da miniatura chamada mozárabe que floreceu non só na España musulmana, senón tamén nos estados cristiáns do N da Península Ibérica. A manifestación principal desta miniatura é a ilustración do Comentario da Apocalipse e o Libro de Daniel, do beato de Liébana, obra de tema bíblico. Os manuscritos miniados abundan moito máis a partir do período románico. Desta época existe un espléndido manuscrito na catedral de Lleida, estreitamente emparentado con outro de Calahorra. Tamén son notables as dúas copias da Biblia en imaxes feitas por Sancho o Forte de Navarra á finais do s XII, actualmente en Amiens e Maihingen. No período gótico aumentou aínda o número de manuscritos miniados. Destacan a Biblia de Vic, do ano 1268, e a da catedral de Módena, que pertenceu a Carlos V de Francia.

    Ex: A Biblia é o libro sagrado dos cristiáns.

  2. s f [RELIX/LIT]

    Volume que contén os libros da Sagrada escritura.

    Ex: Colle a Biblia e le un pouco antes de te deitar.