bicameralismo
(< bicameral)
Sistema político no que o poder lexislativo se divide en dúas cámaras ou asembleas parlamentarias que xeralmente reciben o nome de cámara alta e cámara baixa, diferenciadas sobre todo pola forma de recrutamento dos seus membros (máis directa e representativa na cámara baixa). No s XIX este sistema tiña un talante conservador dado o carácter estamental da cámara alta, formada polos estratos superiores da sociedade. Perdeu este carácter cando os seus membros foron elixidos cun criterio territorial, en representación de estados, provincias ou otras subdivisións políticas. As atribucións de ambas cámaras varían en función do talante máis ou menos democrático da Constitución. O bicameralismo xurdiu independentemente en Gran Bretaña e nos EE UU. No modelo británico, que é o máis espallado, a cámara alta exerce unha función moderadora; no americano, a cámara alta representa os estados, mentres que a baixa representa o pobo. En España, o bicameralismo iniciouse co Estatuto Real de 1834, no que se dispón a división das Cortes en Estamento de Próceres ou cámara alta e Estamento de Procuradores do Reino ou cámara baixa. Ambas cámaras recibiron dende 1837 o nome de Senado e Congreso.