bidueiro
(< lat v *betŭlu
Árbore do xénero Betula, da familia das betuláceas, que pode acadar ata 30 m de altura e presenta unha casca lisa e de cor branca ou cinsenta, con rachóns transversais. As follas son alternas, pecioladas, triangulares, de bordo dentado e caducas, e comezan a saír no mes de marzo. A floración comeza en abril, cando a follaxe aínda non está completa, o que facilita a polinización anemócora. As flores dispóñense en amentos de escamas trilobadas. O froito é unha noz alada de ata 4 mm de lonxitude de fácil espallamento grazas ao vento, o que lle permite aos bidueiros ter unha gran capacidade de colonización de novos medios. Na Península Ibérica están presentes as especies B. pendula, no nordés e nas montañas do centro e B. alba, no norte e noroeste, agás nas zonas de influencia mediterránea, como os vales do Miño e do Sil, e as Rías Baixas. A súa madeira, branda, empregouse para facer zocas e apeiros de labranza; o zume, para obter azucre e bebidas fermentadas; as follas, como diurético; e a cortiza, para curtir e para obter, mediante destilación, unha brea de cheiro peculiar que se emprega para protexer a pel do ataque dos insectos.