Biedermeier

Biedermeier

Corrente artística e literaria desenvolvida nos países xermánicos entre o Congreso de Viena (1814-1815) e a Revolución de marzo de 1848, aproximadamente. Tomou o nome do personaxe literario Gottlieb Biedermeier creado en 1855 polo escritor Ludwig Eichrodt para o xornal Fliegende Blätter, personificación do pequeno burgués acomodado. Significou a transición entre o Romanticismo máis exaltado e o inicio do Realismo como reacción contra o anterior idealismo trascendental. Corresponde ao estilo vitoriano inglés e ao estilo Luís Filipe francés. Caracterízase polo eclecticismo, a simplificación da ornamentación e do mobiliario, e o gusto pola anécdota na pintura, con retratos nos que se preocupa máis do detalle que da psicoloxía do personaxe. Son representantes desta pintura Ferdinand Georg Waldmüller, Ludwig Richter, Moritz von Schwind e o humorístico Karl Spitzweg. Na literatura foi desenvolvida por Ludwig Uhland, Eduardo Mörike, Franz Grillparzer e Adalbert Stiffer, entre outros.