bielorruso -sa

bielorruso -sa

(< topónimo Bielorrusia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Bielorrusia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Bielorrusia.

  3. s [LING]

    Lingua eslava setentrional que xunto co ruso se fala en Bielorrusia e nas zonas veciñas. Presenta características de transición entre o ucraíno e o polaco. Ten uns dez millóns de falantes. Escribíase en alfabeto cirílico e o moderno estándar baséase no dialecto da capital.

  4. literatura bielorrusa [LIT]

    Literatura escrita en lingua bielorrusa. As primeiras manifestacións remóntanse aos ss XI e XII (Evanxeo de Turov), pero non se desenvolveu ata os ss XIII e XIV, cando o gran ducado de Lituania adoptou a lingua de Bielorrusia como oficial. A incorporación a Polonia (1569) comportou un achegamento a Rusia e unha defensa da relixión ortodoxa que produciu obras como o Reč’ Meleški (Discurso de Melešta). Malia todo, coa progresiva “polonización” das clases elevadas, durante os ss XVII e XVIII, a produción reduciuse á literatura popular de transmisión oral. Despois da incorporación a Rusia, iniciouse un movemento romántico, pero non foi ata o remate do s XIX cando se afirmou a tradición literaria. Estimulada polos acontecementos de 1905 e pola revolución do 1917, a produción literaria ampliouse a todos os xéneros, e xurdiron escritores como Janka Kupala (1882-1942), Jakub Kolas (1882-1956) e Zmitrok B’adul’a (1886-1941), entre outros. Despois da Segunda Guerra Mundial, a literatura experimentou un gran desenvolvemento, destacando os poetas Maksim Tank e Arkadz Kulašov e os novelistas Vasil Bykau e Ivan Sanm’akin.

Palabras veciñas

Biella | Biella | Bielorrusia | bielorruso -sa | bieloziom | Bielsa, Rafael | Bielski, Marcin