Bienio Progresista

Bienio Progresista

Período que abrangue desde xullo do 1854 ata xullo do 1856, cando, despois do pronunciamento dos xenerais Leopoldo O’Donnell e Domingo Dulce en Vicálvaro (chamado por isto a Vicalvarada), se formou unha coalición de progresistas e liberais moderados, presidida por Espartero e con O’Donnell no ministerio da Guerra. O período caracterizouse pola constante loita entre estas dúas tendencias da coalición. Non obstante , a lexislación progresista que se promulgou, tivo moita trascendencia no desenvolvemento posterior do estado español. Neste período proxectouse unha nova Constitución, unha reforma económica practicamente revolucionaria (Lei de Desamortización Xeral do 1 de maio de 1855), unha importante lexislación económica capaz de relanzar a actividade bancaria (Lei Bancaria do 28 de xaneiro de 1856) e a construción do ferrocarril (Lei do Ferrocarril de xuño de 1855). Tamén se liberalizou o mecanismo electoral coa ampliación das liberdades fundamentais, o que facilitou a cristalización de correntes políticas anteriormente reprimidas polo réxime moderado como o Republicanismo, o Socialismo ou o Federalismo. En Galicia produciuse o Rexurdimento Literario, de claro signo galeguista, tanto nas súas motivacións como nas súas declaracións de principios.

Palabras veciñas

Bienaventurados | bienio | Bienio Negro | Bienio Progresista | bienmesabe* | Bienne | Bienvenida