bioclimatoloxía
(
Estudio da influencia do clima sobre a distribución e abundancia dos seres vivos, que avalía a intensidade e calidade da radiación, o fotoperíodo, os umbrais térmicos, a resistencia ás xeadas, a humidade atmosférica, a resistencia á desecación, o transporte e espallamento das diásporas, etc. O estudo dos procesos naturais que integran o efecto de varios elementos climáticos sobre os organismos é outro aspecto crucial da bioclimatoloxía. Así, os estudios sobre balances térmicos presentan aspectos aplicados de grande interese para a actividade humana. Os balances hídricos, entre a auga recibida por precipitación e a perda por evapotranspiración, son esenciais para estimar a disponibilidade hídrica e a resistencia á secura dos ecosistemas naturais, as necesidades de rego dos cultivos, os réximes hidrolóxicos, etc. Os balances de erosión, hídrica e eólica, son ferramentas básicas para a conservación dos ecosistemas. Os balances orgánicos, sobre todo os da produción primaria, son un dos aspectos aplicados con maior interese agrícola, como a predición da produción potencial de cultivos extensivos, de forraxes e forestais. A bioclimatoloxía ten realizado un grande esforzo na síntese e clasificación da gran diversidade de situacións climáticas que existen na Terra. Creou índices e clasificacións co obxecto de reducir a enorme complexidade das situacións ambientais a uns poucos rangos de valores ou de tipos climáticos, que facilitan a comprensión da influencia do clima sobre os organismos, manifestada a través da súa distribución xeográfica, abundancia, vigor, etc.