bioética
(< bio- + ética)
Estudio interdisciplinar dos problemas creados polo progreso biolóxico e médico, tanto a nivel microsocial como macrosocial, e a súa repercusión na sociedade e no seu sistema de valores, tanto no momento presente como no futuro. O primeiro en empregar o nome de bioética foi R. van Potter en Bioethics: Bridge to the Future (Bioética, unha ponte cara ao futuro, 1971). O concepto pode entenderse de dúas formas: as consecuencias morais de calquera acto relacionado coa Bioloxía, e a través das especulacions filosóficas, o debate que tenta indagar quén ten dereitos morais á marxe do individuo. Os dereitos morais dos fetos, de partes ou órganos de individuos ou mesmo de individuos nun estado de degradación que os convirta en suxeitos de eutanasia, foron algúns dos campos de traballo da bioética. Na actualidade, superado xa o tema dos dereitos morais doutras especies, a expansión do problema do medio ambiente supón o nacemento dunha nova disciplina: a ética ambiental ou ecoética. Como consecuencia dos avances da xenética molecular, esta nova ciencia enfróntase ás dúbidas que formula a patente de seres vivos e os riscos do proxecto Xenoma Humano. Nestes casos, están en xogo os intereses das compañías aseguradoras e os laboratorios farmacéuticos, e nun nivel filosófico sitúanse distintas reflexións respecto da privacidade do individuo e da definición do ser humano normal derivado do contido do xenoma humano. O filósofo Daniel Callahan e os médicos Williard Gayling e André Hellegers, estableceron os fundamentos do diálogo bioético coa creación de varios institutos: o Hastings Centre en Nova York (1969) e o Kennedy Institut en Washington (1971). O primeiro instituto europeo foi fundado en Sant Cugat do Vallés (Institut Borja de Bioética) no 1975. En 1997 foi aprobada pola comunidade internacional, no marco do Comité Internacional de Bioética da UNESCO, a “Declaración Universal sobre o Xenoma Humano e os Dereitos Humanos”. En esencia, proclama a dignidade humana e condena a clonación reprodutiva, e ten como principios fundamentais que o home non é un animal programado polos seus xens, e polo tanto, e débese rexeitar o determinismo xenético, e que a xenética non debe empregarse para xustificar prácticas socialmente discriminatorias ou racistas.