biónica

biónica

(< bio- + (téc)

s f [BIOL/CIBER]

Ciencia que ten por obxecto reproducir en espacios cibernéticos os procesos funcionais que se dan nos seres vivos. É unha disciplina derivada da Biofísica, que reúne os coñecementos da Bioloxía e da Enxeñería para resolver cuestións comúns, así como as súas aplicacións prácticas. Aínda que a imitación das estruturas da natureza se remonta a épocas anteriores, o termo biónica non apareceu ata 1958. Xa no Renacemento Leonardo da Vinci desenvolveu diversos enxeños a partir dunha observación detida da natureza; tamén no s XVIII se fabricaron numerosos dispositivos mecánicos que pretendían imitar o canto e o voo das aves. Foi decisiva a contribución da teoría da información de Claude Shannon, e da formulación cibernética de Norbert Wiener. Non obstante , na actualidade a Biónica non se dedica tanto á simple imitación das estruturas e dispositivos dos seres vivos, como a investigar os principios básicos nos que estes se basean, para aplicalos, unha vez adaptados, ás condicións técnicas dos dispositivos artificiais. Dous dos principais campos de estudo neste sentido son a transformación da enerxía e os procesos de información. No primeiro enmárcanse, por exemplo, a fotosíntese das plantas verdes, que serviu de modelo para o desenvolvemento de células solares, ou a transformación da enerxía química en mecánica, que ten lugar no interior dos músculos. O segundo, abrangue os órganos sensoriais e as redes neuronais de información, tendo sido aplicados os seus principios básicos aos sistemas electrónicos e informáticos. O estudo da memoria e do funcionamento do cerebro son tamén campos dos que a biónica obtén importantes modelos de aplicación. Con estas investigacións é posible avanzar na creación de sistemas informáticos de intelixencia artificial cos que poderán ser dotados algúns ordenadores e robots sofisticados.