biotecnoloxía
(
Conxunto de técnicas que aproveitan as transformacións bioquímicas producidas pola actividade metabólica de determinados microorganismos en estado natural ou modificados mediante a Enxeñería Xenética. Ten como finalidade mellorar o rendemento de certos procesos de transformación ou crear substancias novas por medio da biosíntese específica. Aplícase na agroindustria (á que proporcionou un conxunto de procedementos que aumentaron a calidade dos alimentos e o rendemento das colleitas), industria química (obtención de bioalcohol, biogás, disolventes, ácidos orgánicos, etc), produción e tratamento de alimentos (estudio de novos procesos de fermentación, obtención de pensos, de fontes proteicas novas, etc), salubridade ambiental (depuración de efluentes e residuos industriais e domésticos), industria mineira (extracción de metais) e farmacoloxía (obtención de medicinas en grandes cantidades, como a insulina, o interferón, vacinas, anticorpos monoclonais, sistemas de diagnose, etc).