bipedismo

bipedismo

(

  1. s m [ANTROP/FISIO]

    Condición de bípede.

  2. s m [ANTROP/FISIO]

    Xeito de camiñar de forma erecta e sobre os dous pés propia das persoas ou dos animais que teñen ou andan a dúas patas. Como modo habitual de locomoción, o bipedismo é común entre as aves, igual que nalgúns xéneros de dinosauros; sen embargo, non adoita atoparse entre o resto dos vertebrados, aínda que os osos pardos, os cans dos prados e os suricatos son parcialmente bípedes, en particular cando inspeccionan unha paisaxe distante en busca dalgún perigo; así mesmo, o bipedismo parece que foi a adaptación orixinal da familia dos Homínidos -caracterizada por unha pelve de forma cóncava con ilión curto, fémures longos e rectos e pés planos (plantígrados) con dobre arco-, que se identifica e designa en diferentes xéneros. Os chimpancés e gorilas actuais poden manter a marcha erecta en distancias curtas, polo que se identifica un tipo de bipedismo particular de cada un deles. Do Oreopithecus, que é un xénero fósil do que se coñece o esqueleto completo, sábese que mantiña unha locomoción bídepa pero cunha forte adaptación á braquiación; así mesmo, o aparato locomotor do Australopithecus afarensis demostra que se desprazaba tan facilmente sobre os seus dous membros inferiores polo chan como cos catro membros polas árbores, se ben o tipo de desprazamento asemellaríase máis ao “balanceo bípedo” ca á marcha erecta humana. Esta evidencia emprégase para interpretar as pegadas fósiles de Laetoli (Tanzania) dun xeito distinto a como se fixo en 1976, cando se atribuíron ao Australopithecus afarensis presente no xacemento, xa que na actualidade se considera que pertencen a un antepasado preaustralopitecino de Homo. Determinadas teorías actualmente abandonadas, asociadas a unha vella tradición que comeza cos filósofos gregos (un discípulo de Platón definiu o ser humano como “bípedo implume”), creron durante moitos anos que o bipedismo, que entendían como unha calidade exclusiva do ser humano, era un factor diferenciador de máxima importancia entre os simios e os seres humanos debido a que se asociaba coa liberación das mans para fabricar útiles producidos por unha intelixencia avanzada; sen embargo, hoxe en día as teorías antropolóxicas modernas sosteñen que o bidepismo é unha adaptación orixinal da nosa familia biolóxica, máis relacionada co hábitat e a locomoción que coa intelixencia.

Palabras veciñas

bipartito -ta | bipedal | bípede | bipedismo | bipenne | bipétalo -la | bipinnado -da