bismuto

bismuto

(< al wismuth ‘bismuto’)

  1. s m [QUÍM]

    Elemento metálico de número atómico 83 e peso atómico 208,980, que pertence ao grupo 5B da táboa periódica, de cor branca brillante (cando é puro) tirando a rosada, de moi pouca condutividade térmica (a máis baixa de todos os metais, agás o mercurio). É o metal máis diamagnético, o que presenta maior efecto Hall, o de coeficiente de dilatación térmica máis negativo e o que presenta maior aumento de volume ao solidificarse. Foi illado en 1737 por Hillot, malia que J. H. Pott e T. O. Bergman son considerados os seus descubridores científicos. Constitúe o 3·10 -6 % da codia terrestre e ocupa, por orde de abundancia, o lugar 73 entre os elementos. Aparece en estado puro ou combinado con algúns minerais. Os minerais máis explotables dos que se pode obter o bismuto son a bismutina (sulfuro de bismuto) e a bismita (óxido de bismuto). Orixinalmente, obtíñase por torrefacción redutora a pouca temperatura. Na actualidade case todo o bismuto se obtén como subproduto doutras metalurxias. O bismuto, cun potencial normal de electrodo Bi/Bi 3+ de +0,2 V, é pouco activo. A temperatura ordinaria case non é atacado polo aire húmido nin polos ácidos non oxidantes, como o ácido clorhídrico e o sulfúrico diluído e frío. O ácido nítrico atácao a calquera temperatura. Nos compostos máis correntes e estables, presenta o estado de oxidación +3 pero pode presentar tamén o +5 e o -3. As peculiares calidades físicas do bismuto non sempre poden ser aproveitadas debido á súa escaseza e á pouca resistencia mecánica. Emprégase na medición de campos magnéticos, na construción de termopilas solares, como aditivo para mellorar a mecanizabilidade dalgunhas aliaxes ferrosas de aluminio, etc. Utilizouse moito na preparación de fármacos contra a sífilis, pero tralo descubrimento dos antibióticos o seu uso quedou reducido a simple complemento terapéutico destes. Na actualidade, a maior parte do bismuto destínase a aliaxes con punto de fusión baixo.

  2. canfocarbonato de bismuto [QUÍM]

    Po branco amorfo, de olor semellante ao alcanfor, insoluble en auga e soluble en alcohol e aceite. De acción antiséptica, é adecuado para combater as amigdalites e outras afeccións farínxeas.

  3. nitrato de bismuto [QUÍM]

    Cristais lustrosos higroscópicos, que se presentan en forma de pentahidrato. Constitúe o composto máis importante do bismuto, tanto polo seu uso directo (en pinturas, medicamentos, etc) como por usarse na preparación de moitos outros compostos.

  4. oxicloruro de bismuto [QUÍM]

    Po branco cristalino, soluble en ácido e insoluble en auga, que se obtén por hidrólise do cloruro de bismuto. Empregouse na elaboración de fármacos, pigmentos e perlas artificiais.

  5. óxido de bismuto [QUÍM]

    Trióxido de bismuto que se encontra na natureza en forma do mineral chamado bismita e que se obtén por descomposición térmica do carbonato ou do nitrato de bismuto. Emprégase na preparación de fármacos, para colorear esmaltes e en vidros refrinxentes.

  6. subcarbonato de bismuto [QUÍM]

    Denominación non sistemática do carbonato básico de bismuto. Utilízase como astrinxente, antiácido e absorbente, e a súa opacidade aprovéitase para a exploración radiolóxica.

  7. subgalato de bismuto [QUÍM]

    Denominación non sistemática do sal de bismuto básico do ácido gálico. Emprégase como antidiarreico e como protector e secante en úlceras e feridas.

  8. subnitrato de bismuto [QUÍM]

    Nome non sistemático do dihidroxinitrato de bismuto. Ten forma de po branco, formado por cristais moi pequenos, inodoros, case insípidos, insolubles en auga e en alcohol. De acción antiácida e absorbente, emprégase en farmacia, perfumería, cosmética, esmaltes cerámicos, etc.

Palabras veciñas

bismutina | bismutismo | bismutita | bismuto | bismutoso -sa | bismuturo | bisnaga