Bizancio
-
Antiga cidade situada na zona europea do Bósforo, na costa norte. Foi unha colonia grega fundada polos colonos de Megara no s VII a C. Ocupaba parte do emprazamento da actual cidade de Istambul. O seu porto, situado entre o Mar Negro e o Mar Mediterráneo, e coñecido polo nome de corno de ouro, converteu a cidade nun centro comercial e estratéxico de grande importancia. A principios do s V a C foi destruída por Darío I. O espartano Pausanias reconstruíuna no 479 a C, abrindo unha época de disputas entre Esparta e Atenas polo dominio da cidade. No 409 a C Alcibíades tomou a cidade, pero catro anos despois os espartanos, baixo a dirección de Lisandro, expulsaron os atenienses. Non obstante , no 390 a C, a cidade caeu de novo baixo o dominio ateniense. No 357 a C, aliada da satrapía persa de Caría e das illas gregas de Khíos, Rodas e Kos, acadou a súa independencia. A cidade recoñeceu a soberanía de Macedonia baixo o goberno de Alexandre Magno pero recuperou a súa independencia no reinado dos seus sucesores. No 279 a C tras invadir Tracia, os celtas impuxeron tributo á cidade. Bizancio mantivo unha guerra con Rodas motivada pola demanda dos bizantinos de impoñer un imposto aos barcos que cruzaban o Bósforo. A cambio das axudas prestadas nas guerras contra o Rei sirio Antíoco II (191-188 a C) e o Rei de Ponto Mitríates VI (88-65 a C), Roma recoñeceu a Bizancio como cidade libre e aliada aínda que trala conquista da Tracia no ano 46 pasou a formar parte do Imperio Romano situada despois na provincia de Bithynia et Pontus. Na guerra entre o Emperador Septimio Severo e Caio Proscennio Niger (196), a cidade apoiou a este último, feito que supuxo a captura de Bizancio por parte do Emperador coa conseguinte revogación dos privilexios. Constantino o Grande derrotou o coemperador Licinio en Adrianópolis e Crisópolis, preto da cidade, e iniciou no 326 a súa reconstrución. A necesidade de ter un centro político e militar que puidese defender as fronteiras orientais do Imperio levou a crear este enclave que se converteu no novo centro político e cultural. O 11 de maio do ano 330 Bizancio tomou o nome de Constantinopla e converteuse na capital cristiá do Imperio. Trala división do Imperio romano no 395 converteuse na capital do Imperio Romano de Oriente ou Imperio Bizantino ata a súa conquista polos turcos otomanos no 1453.
-
Nome co que se coñece tamén o Imperio Bizantino.