Blanco

Blanco
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe nun alcume, que viría motivado pola cor pálida da persoa ou pola cor branca dos seus cabelos. Actualmente, non se conserva a forma estándar branco como apelido, aínda que na época medieval alternaban os grupos consonánticos bl-/br-; co paso do tempo impúxose o grupo bl-, probablemente debido ao influxo do castelán. Documéntase no s XIV: “Alfonso Rodriguez dito Branco” (doc ano 1339 en E. Duro Peña Catálogo de los documentos privados en pergamino del Archivo de la Catedral de Orense 888-1554, 1973, p 195), “Juan Blanco” (doc ano 1383 en E. Duro Peña El Monasterio de San Esteban de Ribas de Sil, 1977, p 327). No período medieval tamén se atesta a forma feminina aplicada a mulleres. É probable que as formas do plural teñan orixe toponímica, pois actualmente existen os lugares dos Blancos espallados por toda Galicia.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe orixinaria de León, que se estendeu por Asturias, Galicia e outras rexións españolas. Algúns pasaron a América, establecéndose en Chile e Venezuela. En Galicia fundaron casa en Xunqueira de Ambía, pero tamén se espallaron polas terras de Sobrado, Celanova, Verín, Marín, Sanxenxo, Lalín, Nigrán, Ribas de Sil, Palas de Rei, Ribadeo, Ortigueria, Santiago de Compostela ou Serantes. As súas armas levan escudo partido: primeira partición, en campo de goles, cun castelo de prata aclarado de azul; segunda partición, en campo de sinople, con tres faixas de ouro; bordo de azul con oito aspas de prata.