Blaue Reiter, Der

Blaue Reiter, Der
Nome científico: [O cabaleiro azul]

Grupo de artistas expresionistas establecidos en Múnic que se separaron, en decembro de 1911, da Neue Künstlervereinigung. Estaba formado por Vasili Kandinskij, Franz Marc, Alfred Kubin e Gabriele Münter. Posteriormente, sumóuselles Paul Klee e August Macke. Marc exerceu como director, pero foi Kandinskij quen lle imprimiu un espírito especial coa súa concepción nova da arte, expresada en Über das Geistige in der Kunst (Sobre a espiritualidade na arte, 1912) e en Rückblicke (Ollada ao pasado, 1913). A principios de 1912, Marc e Kandinskij publicaron o almanaque Der Blaue Reiter, na súa cuberta aparecía o cadro de Kandinskij que dera nome ao grupo. Promoveron unha arte innovadora que fuxía dos convencionalismos e que abría as posibilidades para o informalismo. Triunfou nos anos posteriores á Primeira Guerra Mundial. Esta dispersou o grupo e motivou a desaparición dalgúns dos seus compoñentes, ao mesmo tempo que clarificou a liña iniciada por Kandinskij e Klee. Este movemento foi o resultado dunha serie de especulacións na filosofía da arte. Abriu a posibilidade dunha ulterior evolución como a representación simple e pura de estados estritamente psíquicos (informalismo), sen necesidade de recorrer aos signos convencionais da cultura. O grupo realizou dúas exposicións itinerantes por varias cidades alemanas nas que colaboraron artistas internacionais como Braque, Derain, Goncharova, Larinov e Picasso.