boa
(
-
s
f
[ANIMAL]
Nome que se aplica a unhas cincuenta especies de serpes da familia dos boidos, que pertencen principalmente aos xéneros Constrictor, Eryx, Corallus, Eunectes, Charina, Epicrates e Enygrus. Son serpes aglifas de grandes dimensións, de corpo robusto e potente. Aliméntanse de mamíferos pequenos, de réptiles e de aves, que cazan preferentemente de noite e que matan por constrición, envolvéndoos co corpo; teñen a boca moi dilatable e tragan as presas enteiras; durante a dixestión, que é longa, permanecen en letargo. Moitas boas teñen costumes predominantemente arborícolas e pendúranse das árbores coa axuda da cola, que é algo prénsil. Viven xeralmente na selva, se ben algunhas habitan en lugares desérticos. Teñen unha distribución ampla: na parte occidental de América do Norte, toda a América tropical, as rexións peridesérticas do norte de África e o sueste de Asia, Oceanía (Nova Guinea e Melanesia) e algúns puntos de Indonesia. A súa pel adobada emprégase industrialmente. Todas as especies do xénero Eryx son relativamente pequenas, xa que non sobrepasan un metro de lonxitude; de cores grises ou douradas, son escavadoras e viven en zonas chairas e areosas, nunha franxa semidesértica que se estende dende Exipto ata a India. A especie E. jaculus, a única boa europea, vive nas terras que bordean o Mediterráneo oriental. En América do Norte vive o xénero Charina, con especies moi semellantes ás do xénero Eryx. As boas máis coñecidas son as que acadan grandes dimensións, que xeralmente son americanas. As especies do xénero Corallus acadan 180 cm; son estritamente arborícolas e presentan unha coloración verde brillante; as especies máis destacables son C. hortelanus e C. caninus. As do xénero Epicrates, denominadas boas irisadas por mor dos tonos irisados que presentan na pel, son americanas e viven en fendas no chan. As do xénero Constrictor poden acadar uns 4 m de lonxitude e presentan coloracións moi variadas; son arborícolas e, excepto dúas, todas as especies son americanas e esténdense dende México ata Arxentina; a máis destacable é C. constrictor. As boas máis grandes son as do xénero Eunectes chamadas anacondas.
-
s
f
[INDUM]
Abrigo de pel, plumas, etc, en forma de serpe, que as mulleres levan arredor do pescozo.
Ex: Este ano lévanse as boas de cores moi vivas.