Boimorto
Concello da comarca de Arzúa, situado na provincia da Coruña no centro da Comunidade Autónoma. Limita ao N cos concellos de Mesía (comarca de Ordes) e Vilasantar (Betanzos), ao S cos de Melide (Terra de Melide) e Arzúa, ao L co de Sobrado (Terra de Melide) e ao O cos municipios de Frades (Ordes) e Mesía. Abrangue unha superficie de 82,4 km 2 cunha poboación de nos que residen 2.370 h (2007), distribuídos nas parroquias de Andavao, Os Ánxeles, Arceo, Boimil, Boimorto, Brates, Buazo, Cardeiro, Corneda, Dormeá, Mercurín, Rodieiros e Sendelle. A capital, Gándara, situada na parroquia de Boimorto, a 42° 59’ 5’’ de latitude N e 8° 8’ de lonxitude O, está a 47 km ao L de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Arzúa e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Boimorto sitúase baixo o dominio climático oceánico húmido, aínda que nos rexistros térmicos presenta trazos típicos do interior, tendentes a unha certa continentalización: a influencia do mar vese atenuada polo factor altitude, particularmente pola superficie de aplanamento na que se circunscribe o concello, por riba dos 400 m. Os rexistros de precipitacións son elevados, superando os 1.600 mm de media anual, gracias á favorable exposición tanto aos ventos do NO e N como aos fluxos do SO e O, debido á ausencia de elevacións interpostas dende o litoral ata o termo municipal. O réxime anual das chuvias é simple, recolléndose o máximo nos meses do inverno (36% das precipitacións). Pola contra, o verán é seco (nestes meses recóllese só o 11% do total), mentres que a primavera e máis o outono quedan como estacións de transición en valores medios, cunha pluviosidade similar (26% e 27% respectivamente). É moi frecuente o ceo toldado (143 días ao ano) e tamén as xornadas de chuvia (138). As temperaturas presentan leves matices continentais, sobre todo nos valores invernais (6,8°C en xaneiro), sendo as medias estivais relativamente baixas (xullo, 17,8°C). Pola súa banda, a temperatura media anual, 12°C, descende uns dous graos respecto á da costa, respondendo perfectamente ao gradiente normal de 0,5°C por cada 100 m de altitude. Froito destes valores, a oscilación térmica sitúase en 11°C. O risco de xeadas nocturnas é bastante alto ata ben entrada a primavera. A estrutura xeolóxica e xeomorfolóxica de Boimorto encádrase no dominio do Complexo de Ordes, manto de corremento formado por dobramentos deitados verxentes cara ao L de cronoloxía silúrico-devónica. Presenta unha litoloxía dominante de xistos e ortogneises cun elevado grao de metamorfización. Esta estrutura tradúcese nunha suavidade do relevo, caracterizado pola presencia da penechaira occidental galega, que na parte oriental do municipio abre paso á Dorsal Occidental a través dos Montes do Bocelo, onde se erguen as maiores alturas de Boimorto (Couto das Abieiras, 773 m; Couto Salgueiro, 614 m; Monte do Marco, 560 m; Forcada, 506 m; Deveso, 501; e Campo, 438 m). Esta serra constitúe a divisoria de augas das cuncas dos ríos Tambre, ao N (á que tributan os ríos Batán e Pequeno) e do Ulla, ao S (río Iso), que son os sistemas fluviais que drenan o seu territorio municipal.
Xeografía humana
A historia demográfica contemporánea de Boimorto é peculiar dentro da Galicia rural: a primeira emigración de comezos do s XX deixouse sentir pouco, mentres que a segunda repercutiu con moita forza nos anos setenta, momento no que xa se retardara ou rematara na maior parte da Galicia interior. No primeiro censo (1887) contaba con 3.094 h, que non deixaron de medrar en número ata 1950, momento no que o concello contou co seu máximo poboacional (5.477 h). Neses 63 anos, o ritmo de incremento demográfico tivo como termo medio un 0,64% anual. A partir desa data, cada censo reflectía importantes perdas, motivadas por fluxos emigratorios imposibles de contrarrestar co moderado crecemento vexetativo, supoñendo ata o ano 1991 unha diminución de máis da metade da poboación (51%). A situación foi especialmente grave no período intercensual 1970-1981, cando o ritmo anual de descenso chegou ao 3,55%. Entre 1991 e 1996 deuse un moi leve ascenso, medrando a poboación un 0,27% cada ano. Este incremento estivo motivado polo retorno de emigrantes, pois o saldo vexetativo vén sendo altamente negativo dende comezos da década de 1980 (en 1996 situouse nun -10,28‰), como consecuencia da desestruturación demográfica provocada pola intensidade dun proceso emigratorio que afectou principalmente aos elementos en idades máis propicias para a reprodución, como adoita acontecer sempre e universalmente nos fenómenos deste tipo. O descenso da poboación continuou e entre 2001 e 2007 descendeu nun 7,13%.Así, a estrutura demográfica amósase tremendamente avellentada, con só o 11,9% da poboación por debaixo dos 20 anos, e o 34,3% por riba dos 65 anos; o grupo intermedio representa o 53,8%. Esta situación reflictese nun crecemento natural negativo, 13,1‰ (2006), froito dunha baixa natalidade, 3,3‰, e unha alta mortalidade, 16,4‰. A composición por sexos está equilibrada: 50,12% os homes e 49,83% as mulleres. A dispersión define o hábitat en Boimorto, aínda que non se trata dun poboamento de casas illadas, senón de multitude de pequenas aldeas compactas: nas súas 13 parroquias hai un total de 119 entidades de poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Boimorto é do 47,9% (55% a masculina e 40,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,3% (50,7% a masculina e 37,8% a feminina) e a taxa de paro é do 7,4% (7,8% a masculina e 6,8% a feminina). A economía do concello de Boimorto caracterízase polo dominio das actividades agropecuarias que dan emprego ao 44,1% dos ocupados . O territorio municipal está dedicado na súa práctica totalidade a actividades silvo-agrícolas: 42% a bosque, 27,8% a terras de labor e 24,9% a prados e pastos. No tocante á gandería, o armentío vacún é moi importante, con 6.321 cabezas (1999). Destaca a elaboración de queixo artesanal aproveitando o potencial lácteo autóctono. Os traballos de concentración parcelaria, que se desenvolveron en dez das trece parroquias, favoreceron o crecemento do tamaño medio das parcelas e unha maior incidencia da mecanización, pero a elevada idade media dos titulares das explotacións, á vez traballadores directos da terra, supón unha eiva para o dinamismo do sector. Nos últimos anos apareceron iniciativas de agricultura intensiva de alto rendemento, como a floricultura, pero que presentan unha escasa repercusión no conxunto municipal. A industria ten pouca relevancia, empregando ao 11,2% dos traballadores. Nela só destacan dúas empresas de produtos cerámicos para a construción, algúns serradoiros e unha empresa de confección de pequenas dimensións. A construción é tamén unha actividade pouco notoria, co 12,3% dos traballadores, presenta unha estrutura empresarial de traballadores autónomos ou, como máximo, empresas de dous ou tres empregados. O sector terciario está pouco desenvolvido, malia que ofrece o 32,1% do emprego e cobre as necesidades básicas da poboación; nel os subsectores comercial, hostaleiro e de transporte aglutinan cadanseu 5% do total de ocupados. A estrada comarcal C-540, Betanzos-Agolada, que une o concello con Melide, é a principal vía de comunicación. Tamén é importante a estrada comarcal C-234 que vai a Arzúa, vila que cobre os servizos básicos do concello.
Historia
A orixe etimolóxica do topónimo Boimorto parece estar nunha voz sueva que significa ‘lugar alto’. O poboamento máis antigo do que se ten noticia remóntase á época castrexa, no s I (castros de Corredoiras e Dormeá). Un ramal secundario da Vía Nova romana que unía Braga con Astorga pasaba polo concello; dela atopouse un miliario do s III no lugar de Vilanova. Na época medieval a xurisdición do mosteiro de Sobrado dos Monxes abranguía as terras de Boimorto. Documentos do ano 569 citan a parroquia de Dormeá nunha adxudicación á sé iriense. Posteriormente, pasou a ser posesión do cabido compostelán trala doazón de Dona Urraca. A ruta norte do Camiño de Santiago pasa polas parroquias dos Ánxeles, Boimil, Boimorto, Sendelle, Brates e Mercurín. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Boimorto pertencían á provincia de Santiago, en concreto ás xurisdicións de Arzúa e Mesía, baixo o señorío do arcebispo de Santiago. Tralas disposicións da Constitución de Cádiz (1812), as súas parroquias formaron parte dos concellos recén establecidos de Arzúa e Mesía, adscritos á provincia de Galicia, nos que permaneceron integrados nos períodos de vixencia da Constitución e do municipalismo (1812-1814 e 1821-1823). Coa instauración definitiva da administración municipal, en 1835, estableceuse o concello de Boimorto, integrado polas mesmas parroquias que na actualidade, adscrito ao partido xudicial de Arzúa e á nova provincia da Coruña.
Patrimonio cultural
Consérvanse restos prehistóricos en Dormeá e Sendelle. Na parroquia de san Cristovo de Dormeá existiu un mosteiro fundado no 1152 por dona Lupa do que se conserva a igrexa románica. Deste mesmo estilo son as igrexas de Santa María dos Ánxeles (s XII) e de Santa María de Sendelle. No eido da arquitectura civil destacan os pazos do Rego e Vieite nos Asentos, de Cuintas, de Rodieiros, a Casa-Torre de Andabó e a Casa Grande de Vilanova en Dormeá. Entre os lugares naturais de interese do concello salientan os vales dos ríos Tambre e Iso, e a área recreativa O Refuxio no Tambre. No concello celébranse as festas do Rosario e de Santiago.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Arzúa |
| Extensión | 82 Km2 |
| Poboación Total | 2370 h |
| Poboación Homes | 1188 h |
| Poboación Mulleres | 1182 h |
| Densidade de poboación | 28.9 h/Km2 |