Boiro
Concello da comarca do Barbanza, situado na provincia da Coruña no O da comunidade autónoma, na beira setentrional da ría de Arousa. Limita ao N cos concellos de Lousame e Porto do Son (Noia), ao S coa ría de Arousa, ao L coa mesma ría e o co municipio de Rianxo (Arousa) e ao O cos da Pobra do Caramiñal (Arousa) e Porto do Son (Noia). Abrangue unha superficie de 86,6 km 2 cunha poboación de 18.547 h (2007), distribuídos nas parroquias de Abanqueiro, Bealo, Boiro, Castro, Cespón, Cures, Lampón e Macenda. A capital é Boiro (na parroquia de Boiro) atópase a 42° 38’ 7’’ de latitude N e 8° 52’ 7’’ de lonxitude O, e a 48 km ao SO de Santiago de Compostela. Está adscrito áo partido xudicial de Ribeira e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio do concello de Boiro está baixo o dominio climático oceánico húmido das Rías Baixas, caracterizado por unha pluviosidade moi alta (recóllense máis de 2.000 mm ao ano), suavidade térmica todo o ano (14,9°C de media), e certa aridez estival. Dende un punto de vista térmico, os invernos son moi suaves, quedando a temperatura media do mes máis frío, xaneiro, en 9,3°C, e os veráns non excesivamente calorosos, a temperatura media do mes de xullo é de 21,1°C, de xeito que oscilación térmica anual é pequena (11,8°C). A serra do Barbanza, a carón do litoral, incrementa de forma sensible as precipitacións ao actuar de barreira orográfica fronte aos fluxos húmidos do SO, que penetran dende o mar favorecidos pola orientación da ría de Arousa. Nestas circunstancias rexístranse fortes precipitacións distribuídas dun xeito bastante uniforme durante todos os meses do ano, agás xuño, xullo e agosto, que no seu conxunto recollen só o 12% das chuvias. O inverno é a estación máis chuviosa, na que se rexistra o 36% das precipitacións. Pola súa parte, a primavera e o outono tamén coñecen importantes chuvias (con cadanseu 26% do total anual). A pesar da elevada pluviosidade só hai 125 días de chuvia ao ano. O risco de xeadas na estreita chaira litoral é practicamente nulo, pero increméntase ao subir en altitude. O relevo de Boiro ten dous elementos fundamentais: a serra do Barbanza (cos cumios de Cures, Lampón, Boiro e Confurco, todos eles ao redor de 600 m) e unha estreita chaira litoral. A serra é un afloramento granítico prehercínico, elevado e basculado por fracturas que seguen unha dirección N-S. No seu cumio existen dúas superficies aplanadas (unha de 700 m de altitude e outra de entre 500 e 600 m), separadas por unha falla que une Portosín (concello do Porto do Son), ao N, con Boiro, ao S. A caída da serra sobre o mar reduce a chaira litoral a unha estreita franxa na que se asenta a poboación e as actividades humanas (terras de labor, establecementos industriais e de servizos). A unión entre os arrasamentos superiores da serra e a franxa litoral establécese a través de pequenos vales encaixados, polos que circulan os tumultuosos e curtos ríos do concello (Coroño, Grande e Beluso), orixinando numerosas fervenzas coas que salvan os desniveis.
Xeografía humana
A poboación do concello de Boiro medrou de xeito ininterrompido dende o primeiro censo de poboación (1887), coñecendo unha evolución diferente á do conxunto do país, pois non lle afectaron en gran medida os episodios emigratorios, senón que, ben ao contrario, recibiu importantes continxentes demográficos gracias á súa tradicional vinculación á industria conserveira. Así, entre 1887 e 1950 o efectivo humano incrementouse a un ritmo do 1% anual. Entre 1950 e 1960 experimentou un notable retardo no crecemento (0,07% anual) ante o pulo da emigración exterior galega, á que non foi allea, pero que puido contrarrestar cun forte crecemento vexetativo. A partir da década de 1960 o concello converteuse nun atractivo para o seu contorno gracias ás súas boas perspectivas económicas, á vez que atraía moita poboación. Froito desta conxuntura, o aumento demográfico situouse cunha media do 1,54% anual durante o período 1960-1981. No decenio seguinte, Boiro coñeceu un acusado estancamento demográfico, pois só medrou 40 h (o que supón unha media do 0,02% anual). A causa reside na crise da industria conserveira antes da súa reestruturación, pechándose a corrente inmigratoria, e no cambio de comportamento da sociedade con respecto á natalidade e fecundidade, que comportou unha forte reducción do número de fillos por muller. Entre 1991 e 1996 retomou de novo a senda do crecemento (1,36% de media anual) trala renovación e alta competitividade que volveron adquirir as conserveiras, a irrupción do sector téxtil e o pulo das actividades terciarias. O período 1996-2001 foi de signo negativo pois o concello perdeu o -1,02% da poboación, sen embargo no período seguinte 2001-2007 a poboación medrou nun 4,5%. O crecemento natural (2006) foi positivo 0,1‰ froito dunhas altas taxas de natalidade (9,7‰) e mortalidade (9,6‰). Resultado de todo este proceso é unha estrutura demográfica bastante nova para o contexto galego, cun 19,1% da poboación por debaixo dos 20 anos e un 17,7% con máis de 65 anos; o grupo intermedio representa o 63,1% da poboación. As mulleres son máis numerosas cós varóns (51,59% fronte ao 48,40%) pois na man de obra das industrias conserveiras e téxtiles obsérvase tradicionalmente unha segregación de xénero ao seu favor, discriminación que aínda non foi superada, o que favoreceu a súa inmigración e incorporación á maioría dos postos de traballo ofertados no sector secundario, que é neste caso o verdadeiro responsable da corrente inmigratoria. O continxente demográfico boirense aséntase na franxa litoral, distribuído en varios núcleos urbanos de importante tamaño (Boiro, Escarabote e Cabo de Cruz) conformando unha pequena rede urbana policéntrica. O crecemento urbanístico, especialmente intenso a partir da década de 1970, foi anárquico e rexeuse fundamentalmente por criterios especulativos, o que provocou unha degradación na calidade paisaxística que afecta ao conxunto do territorio municipal.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Boiro é do 57,3% (64,8% a masculina e 50,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,6% (57,9% a masculina e 42,1% a feminina) e a taxa de paro é do 13,3% (10,7% a masculina e 16,5% a feminina). A economía de Boiro presenta unha base sólida e bastante diversificada, sen ningún sector que destaque en gran medida sobre os demais. O primario reduciu a súa importancia nos últimos tempos, sobre todo na agricultura, que pese a supoñer só o 2,8% dos ocupados, mantense a tempo parcial por moitas persoas como complemento das rendas familiares. Progresou a concentración parcelaria e descenderon as explotacións, intensificándose a gandería, case exclusivamente vacúa. A pesca e o marisqueo manteñen a súa forza como xeradoras de emprego (17,2%) e vincúlanse en boa medida á rama industrial conserveira, á que nutre de materias primas, fundamentalmente mexillón. A industria ocupa ao 29,4 dos traballadores. As empresas conserveiras están entre as máis importantes de Galicia e teñen unha clara vocación exportadora. O sector téxtil coñece unha recente implantación e continúa en expansión, convivindo pequenos talleres con medianas empresas moi competitivas. A industria da madeira, menos importante, aproveita os recursos forestais locais. A construción vese favorecida pola intensa urbanización e industrialización, xerando o 14,6% dos empregos totais en pequenas empresas. O sector servizos está a medrar gracias ao pulo económico do municipio (35,9%). A súa situación litoral cun clima benigno e as boas comunicacións favorecen o desenvolvemento do turismo. Destaca tamén o comercio, ao ser un centro comarcal para servizos Malia a situación excéntrica de Boiro, ao O de Galicia, nunha península, e polo tanto, periférica, as infraestruturas viarias confírenlle unha boa accesibilidade. A vía rápida do Barbanza, VAC-3, e a estrada comarcal C-550 úneno a Ribeira e Padrón. O acceso á marxe S da ría de Arousa faise a través da vía PO-VP-100 cruzando a ponte que une Catoira e Rianxo. Con Noia comunícase pola estrada que leva a Lousame. Destacan tamén a AC-305 e a VRG-1.1.
Historia
Os restos arqueolóxicos atopados en Boiro remontan a ocupación humana ao Paleolítico Inferior. A cultura Mmgalítica está amplamente representada, con preto de trinta antas e mámoas, duns 5.000 anos de antigüidade. Entre elas destacan a Casota do Páramo e a Arca do Barbanza (a de maiores dimensións de Galicia). Coñécense varios conxuntos de gravados rupestres da Idade do Bronce (Agüeiros, Bealo, Laxe da Cabra, etc). A ocupación castrexa foi tamén moi destacada no municipio, con varios poboados, como os de Coto da Moureira, Achadizo ou Neixón (cun comezo de ocupación no s VI a C, dos máis antigos de Galicia). A riqueza mineira fixo que os romanos se achegasen ata estas terras, pervivindo retallos dunha calzada daquela época. Na Idade Media os normandos, camiño de Compostela, arrasaron en varias ocasións o territorio boirense. A partir do s XVII hai noticias de industrias relacionadas coa pesca, na época dos Austrias existía en Abanqueiro unha factoría de escabeche de ostras que provía á familia real, e dende o século XVIII os cataláns comezaron a chegar implantando a industria de salgado. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Boiro pertenceron á provincia de Santiago, todas baixo o señorío exercido polo cabido e o arcebispo de Santiago (estaban adscritas ás xurisdicións de Boiro, Noia e Rianxo), agás a parroquia de Lampón, que pertencía ao couto redondo de Goiáns. Polas disposicións da Constitución de Cádiz establecéronse tres concellos no actual territorio municipal: Cespón, Cures e Boiro, adscritos ao partido xudicial de Noia e á provincia de Galicia. Estes tres axuntamentos constitucionais, suprimidos entre 1814 e 1821, restablecéronse durante o trienio liberal (1821-1823), período no que se rexistrou a súa incorporación á nova provincia da Coruña, creada en 1822. En 1835, os tres concellos (Boiro, Cespón e Cures) unificáronse nun só. O número actual de parroquias data de 1929, cando se segregou a de Castro da de Boiro, á que anteriormente pertencía.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar os vestixios atopados dunha calzada romana dende Coto da Moureira ata Cubelos, Cures e Enseño. Consérvanse as igrexas románicas de Abanqueiro, Lampón e Cespón. No eido da arquitectura civil destacan os pazos dos Piñeiro en Agüieros, as torres de Goiáns, destruídas polos irmandiñños e reconstruídas por A. Domingos de Andrade, e a torre dos Cóengos ou Fonteneixe. Do seu patrimonio natural salientan as fervenzas de Cubelos e o Monte Irote. Destacan as festas de san Ramón de Bealo e a procesión de Nosa Señora do Carme ademais da romaría de Neixón en Boiro e da celebración da Boiromostra no mes de xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Barbanza |
| Extensión | 86 Km2 |
| Poboación Total | 18547 h |
| Poboación Homes | 8978 h |
| Poboación Mulleres | 9569 h |
| Densidade de poboación | 215.66 h/Km2 |