Bola, A

Bola, A


Municipio da Terra de Celanova, situado na provincia de Ourense no S da comunidade autónoma de Galicia (42° 09’ 07’’ de latitude N e 7° 54’ 02’’ de lonxitude O). Limita ao N co concello da Merca, ao L cos de Allariz (comarca de Allariz-Maceda) e Rairiz de Veiga (A Limia), ao S con Verea e ao O con Celanova. Abrangue unha superficie de 34,9 km 2 cunha poboación de 1.497 h (2007), distribuídos nas parroquias de Berredo (San Miguel), Pardavedra, Podentes, San Martiño de Berredo, Santa Baia de Berredo, Sorga, Soutomel e Veiga. A capital está no lugar da Bola, na parroquia de Santa Baia de Berredo. Atópase a 134 km de Santiago de Compostela e 29 km de Ourense. Está adscrito á xurisdición do partido xudicial de Celanova e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio municipal da Bola está baixo o dominio climático oceánico continental. Localizado nun territorio de media montaña, os rexistros térmicos vense matizados por este factor, resultando un prolongado período frío desde novembro a abril. A temperatura media anual é de 10,5°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, está nos 4,3°C, e a do mes máis cálido, xullo, é de 17,7°C. A amplitude térmica anual chega aos 13,4°C. Son frecuentes os días de xeada desde finais de outono ata ben entrada a primavera. A precipitación anual media é de 1.038 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 37,8% das precipitacións recóllense en outono e o 34,4% no inverno, fronte ao 9,0% en verán, tendo a primavera valores intermedios (18,8%). O terreo é predominantemente chan, elevado sobre un substrato rochoso granítico, esténdese na súa maior parte sobre superficies de erosión ao redor dos 500-600 m de altitude. Pero esta chaira ascende paulatinamente cara ao L, conformándose unha franxa de relevos residuais con alturas ao redor dos 800 m. Como resultado, o seu relevo resólvese en dúas franxas paralelas de dirección aproximadamente SO-NL: unha máis baixa no O e N, destacando nela o monte Largallaira de 555 m de altitude, na parroquia de Santa Baia de Berredo. A segunda, máis alta, ocupa o L e S do concello, presidida polo macizo da Penamá, destacando o monte Calvo e o Furriolo, ambos os dous de 857 m e pertencentes á parroquia de San Martiño de Berredo. A rede hidrográfica está formada por pequenos regos, todos da conca do río Arnoia, que atravesan o O e N municipal: destacan o río Fechiñas, tributario do Arnoia, o seu afluente, o Porto, e o río Sorga, afluente tamén do Arnoia.
Xeografía humana
A poboación do municipio da Bola experimentou ao longo dos últimos dous séculos unha evolución desigual, caracterizada polo estancamento da súa poboación ata o momento censual de 1950, para principiar un descenso acusado e mesmo traumático a partir desa data. De 1887 a 1950 a poboación mantívose estacionaria oscilando levemente ao redor dos 4.000 h, rexistrando crecementos positivos e negativos alternos comprendidos entre un retroceso máximo da orde do 0,64% anual para 1940-1950 e un aumento máximo do 0,47% anual para 1930-1940. A partir de 1950 a evolución é sempre negativa, acusando a intensa emigración primeiro cara a Sudamérica e logo con destino aos países máis desenvolvidos de Europa occidental e central, aos núcleos máis dinámicos do país (principalmente Vigo e Ourense), e zonas industriais do estado (fundamentalmente Catalunya e Euskadi). Este retroceso foi continuo e intenso durante os anos 1950-1991, retrocedendo un 1,40% interanual. Os últimos anos seguen a ser de descenso, pero máis moderado ao perder 1,94% entre 2001 e 2007. O resultado desta evolución é unha poboación avellentada en extremo, onde os menores de 20 anos representan só o 7,9% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 41,1%; o grupo intermedio representa o 51%. Isto reflictese nun crecemento natural (2006) negativo, 13,6‰, froito dunha baixa natalidade, 2,6‰, e unha alta mortalidade, 16,2‰. A distribución por sexos mostra un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,03% da poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Bola é do 33,7% (42,1% a masculina e 26,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 29,9% (37,9% a masculina e 22,8% a feminina) e a taxa de paro é do 11,2% (9,9% a masculina e 13% a feminina). A economía do concello da Bola ten un carácter primario, aínda que este sector acolle ao 25,9% da poboación ocupada . A gandería ten escasa relevancia, destacando o armentío porcino cun total de 897 cabezas (1999). A maior parte permanecen estabuladas en granxas integradas en sociedades cooperativas, que se encargan da elaboración e comercialización da produción, ademais de proporcionarlles ás explotacións asistencia técnica. O gando vacún ten moita menos incidencia, con 317 reses (1999) orientadas tanto cara á produción leiteira como á cárnica, en explotacións de pequenas dimensións (4 reses de media) que permanecen nun estadio de tecnificación menor que o que xa acadou o porcino, permanecendo máis como un recurso complementario das rendas familiares; ademais a gandería vacúa practícase nun sistema intensivo, de xeito que a extensión dos prados e pastos acada o 12,7% da superficie total; o ovino e o caprino a penas constitúen armentíos dignos de mención polo seu pequeno volume. A superficie arborada posúe escasa importancia, estendéndose só polo 13,2% da superficie total. A industria, aínda que reducida, ocupa o 18,9% dos traballadores, resolta con pequenos talleres de elaboración de materiais de construción, de produtos de alimentación, fertilizantes e algunha carpintería. A construción emprega o 18,7% dos ocupados, principalmente na edificación local, na vila de Celanova ou na cidade de Ourense. O sector terciario, por mor do seu reducido volume demográfico e a proximidade da vila de Celanova, está escasamente desenvolvido, quedando na esfera dos servizos máis elementais e ocupando ao 36,4% dos traballadores residentes no concello, moitos deles empregados en postos de traballo que radican nas xa citadas Celanova e Ourense. As principais vías de comunicación son a estrada comarcal OU-531, entre Pontevedra e Xinzo de Limia, e unha estrada local que a comunica con Allariz.
Historia
Este concello, preto da vía romana XVIII, entre Braga e Astorga, sufriu pronto a influencia romana. A presencia musulmana foi efémera, ao repoboarse estes territorios entre os ss IX e X. Precisamente deste período arranca a institución deste concello máis importante: o mosteiro de San Munio da Veiga, construído no s IX, hoxe desaparecido e substituído por unha igrexa románica. Durante a Idade Media a súa vida viuse marcada pola influencia do mosteiro de San Salvador de Celanova, pertencendo parte do seu territorio á xurisdición de Celanova baixo a autoridade do mosteiro bieito de San Salvador. Outras xurisdicións eran as de Fruime, Vilaverde e Sorga (todas elas baixo elementos da baixa nobreza); San Munio da Veiga, responsabilidade da Encomenda de San Marcos de León (integrada na Orde de Santiago), garantindo a independencia do mosteiro de San Munio fronte ao de San Salvador de Celanova; e a de Vilariño do Campo, pertencente ao conde de Maceda. Ademais a parroquia de San Miguel de Berredo era un Couto Redondo. Todas estas xurisdicións estaban representadas pola antiga provincia de Ourense. Durante a Idade Moderna edificáronse no concello pazos como o de Berredo, Podentes (Seixomil) e Sorga. A administración señorial propia do Antigo Réxime substituíuse en 1812 ao abeiro das disposicións da Constitución de Cádiz por unha nova administración municipal, que supuxo nas parroquias que integran o actual concello da Bola o establecemento dos concellos de Berredo e Soutomel. Estes dous concellos permaneceron activos nos períodos de vixencia da Constitución (1812-1814 e 1821-1823), integrados no partido xudicial de Celanova e nun principio na provincia de Galicia, ata que en 1822 pasaron a integrarse na nova provincia de Ourense. Logo do Trienio Liberal (1821-1823), a segunda derrogación da Constitución decretada polo Rei Fernando VII supuxo o retorno á administración señorial e o restablecemento das antigas xurisdicións. En 1835, proclamada de novo a Constitución, creouse un novo concello, A Bola, que incluía as parroquias que formaran os primeiros concellos de Berredo e Soutomel, adscrito ao partido de Celanova e á nova provincia de Ourense. Dende aquela, a superficie e os límites municipais non sufriron alteración ningunha, producíndose tan só unha variación interna relativa á súa estrutura parroquial, coa creación en 1893 da parroquia de San Martiño de Berredo, segregada da de Santa Baia de Berredo.
Patrimonio cultural
No eido da arquitectura relixiosa cómpre sinalar que na parroquia de San Munio de Veiga fundouse un mosteiro (ss XII - XIV) que dependeu das ordes de San Xoán de Xerusalén e de Santiago do que se conserva a igrexa modificada no s XVIII. Da época visigoda data a capela de San Cibró de Pardevedra. Do románico destaca a igrexa de Mosteiro e do Barroco a de Santa Baia. Entre as construcións pacegas conservadas salientan o pazo de Outeiro de Santa Baia, o pazo de Berredo e a Casa Grande de Sorga. Entre as súas festas destaca a romaría de san Cibró que se celebra na capela do mesmo nome.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Celanova
Extensión 34 Km2
Poboación Total 1497 h
Poboación Homes 718 h
Poboación Mulleres 779 h
Densidade de poboación 44.03 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias