Boletín Afonso Eans
Revista subtitulada “Boletín de uso interno da Asociación Cultural”. Apareceu en xaneiro de 1980 na localidade coruñesa de Negreira. O consello de redacción, ao longo da súa traxectoria, estivo composto por X. Francisco Escudero Caamaño, X. Amancio Liñares Giraut, Paulo Vaamonde García, Arturo López Regueiro, Manuel Martínez Álvarez e Alberto García Pintos, entre outros. Os contidos desta revista amosaban un compromiso decidido coa normalización da cultura e da lingua galegas, cuestión que se percibe segundo os títulos do sumario: “Refráns galegos”, “Novas de Afonso Eans”, “Libros”, “Os nosos artistas”, etc. O número 1 contén artigos dedicados a Celso Emilio Ferreiro e a Eduardo Blanco Amor, e cada ano saía un boletín especial co gallo do Día das Letras Galegas. Desta revista saíron dous números que destacan especialmente: o número 19, un boletín especial con motivo do Centenario de Rosalía de Castro, e o número 20 que conmemora o X Aniversario da Sociedade Afonso Eans.