Boletín Avriense
Revista fundada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o grupo Marcelo Macías de colaboradores do mesmo. O seu primeiro número, correspondente ao ano 1971, saíu ao ano seguinte, sucedendo a este un total de 28 números ata decembro de 1999, cunha periodicidade anual ou bianual segundo as épocas. Os primeiros catro números contaron coa dirección de Xesús Ferro Couselo, director entón do Museo, ao que sucedeu nesa responsabilidade o seguinte director, Francisco Fariña Busto. O seu primeiro consello de redacción estivo composto polo propio Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Xaquín Lorenzo Fernández, Xulio F. Ogando Vázquez e Olga Gallego Domínguez. En anos posteriores incorporáronse investigadores como Antonio Rodríguez Colmenero, Manuel de Dios, Juan Carlos Rivas, Manuel Taboada Cid, Vicente Rodríguez Gracia, Xosé Carlos Sierra Rodríguez, Alfredo Seara Carballo, Bieito Pérez Outeiriño, Francisco X. Espino Domarco, Xosé A. Vázquez Urtiaga, Xulio Rodríguez González e Afonso Vázquez-Monxardín. A revista, bilingüe castelán-galego, está especializada en temas de investigación histórica, Arqueoloxía, Etnografía, Artes, Antropoloxía de Galicia, historia local ourensá, etc, en números que van desde as 200 ás 400 páxinas. Outros colaboradores habituais do Boletín foron Fernando Acuña Castroviejo, Paloma Acuña, Felipe Arias, Enrique Bande, Yolanda Barriocanal, Manuel Blanco Guerra, Francisco Calo Lourido, R. Carballo Calero, Milagros Cavada Nieto, Xosé M. Cid Fernández, F. Conde-Valvís Fernández, Emilio Duro Peña, Xosé María Eguileta, Elisa Fernández Suárez, Xosé A. Fidalgo Santamarina, X. Filgueira Valverde, Antón Fraguas, José M. García Iglesias, Marcial Gondar, Clodio González Pérez, Rafael Izquierdo Perrín, Jesús de Juana, María José Justo Martín, Xosé R. Lema Bendaña, F. J. Limia Gardón, Salvador Lorenzana, M. Mandianes, Isidoro Millán González, Manuel Núñez Rodríguez, A. Odriozola, Luis Orero Grandal, R. Otero Pedrayo, Antonio de la Peña Santos, Augusto Pérez Alberti, Ana Romero Masia, Elixio Rivas, Juan Luis Saco Cid, J. R. dos Santos Junior, Mercedes Suárez Pazos, Alain Tranoy, José M. Vázquez Varela, María Dolores Vila Jato e José R. Vidal Romaní, entre outros. Publicou números monográficos dedicados a Ferro Couselo (5 e 21), Taboada Chivite (6), San Rosendo (7), Laureano Prieto Rodríguez (8) e José Nespereira Iglesias (12), entre outros, ademais de impulsar unha ampla colección de monográficos (Anexos) de autores habituais no Boletín. A revista edita uns mil exemplares que chegan a Universidades e institucións de quince países de Europa e América.