Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense

Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense
[PUBLIC]

Boletín anual que apareceu en Ourense en 1943 e que cesou en 1953. A iniciativa da súa creación correspondeulle ao grupo de colaboradores do Museo Marcelo Macías, entre os que estaban Xesús Ferro Couselo, Basilio Osaba e Ruiz de Erenchun que eran, ao mesmo tempo, directores do grupo e do boletín. A Xoán Fernández Pérez concedéuselle o título de director honorario. Tamén os colaboradores pertencían na súa maioría ao grupo do museo, persoas como Arribas Arranz, Florentino L. Cuevillas, Xosé Fernández Gallego, Olga Gallego Domínguez, Xosé Puga Brau, Vicente Risco, Carlos Vázquez Rodríguez ou Xesús Taboada Chivite. Só publicaba artigos en castelán e contaba con dúas seccións que se denominaban “Crónica del museo” e “Revistas de intercambio”. Aínda que se centrou na divulgación de traballos de investigación histórica ou arqueolóxica, tamén serviu como noticiario das actividades internas e de difusión do museo. Cómpre destacar que todos os artigos estaban ilustrados con láminas, fotografías, e incluso con despregables.