boliche

boliche

(< cat bolitx)

  1. s m [PESCA]

    Arte de pesca que practica o arrastre e que substituíu a secada e o xeito.

  2. [PESCA]
    1. s m

      Aparello de pesca semellante a unha xávega, aínda que de dimensións máis reducidas, o que lle permite unha maior manobrabilidade en lugares angostos. Consta dunha rede que está conformada por dúas pernas e un cope, formada por aros de madeira ou de ferro que sosteñen un aramado en forma de funil pechado polo ápice e aberto pola boca. Segue a utilizarse dun xeito clandestino, traballando nas postas antigas e na procura de toda clase de peixes que acoden ás praias pola noite. Entre estes peixes tamén se collen as crías, o que prexudica seriamente a reprodución das especies. Co boliche pódese traballar tanto dende a terra como dende o mar. Cando se traballa dende a terra, unha embarcación pequena vai largando todo o aparello ao mar, deixando un cabo na praia. De seguida, comézase a tirar do aparello dende a praia de tal modo que non permita que o peixe se escape da rede. Unha vez chegado o aparello á praia, golpéase a auga con pedras e paos co obxecto de que o peixe que vai metido no cope non fuxa. Posteriormente, déitase o cope na area e voltéase a pesca do seu interior. Pola contra, dende o barco sitúase a embarcación nun lugar de pouco calado e con fondos de area suxeitando un dos cabos ao fondo por medio dun rizón e sinalándose ese lugar cunha boia. A continuación, o barco fai a mesma manobra ca na terra, pero a largada remata na boia, onde se amarra o outro cabo. Aínda que actualmente o uso do boliche se mantén, o seu emprego está prohibido salvo en ocasións excepcionais, co permiso expreso das autoridades de Mariña. Debido á súa condición de aparello de arrastre e ás postas onde se larga (praias ás que acoden todos os peixes á noitiña) está considerado como altamente destrutivo. Os cataláns introduciron o boliche en Galicia a mediados do s XVIII xa que buscaban aquí unha produción de sardiña que non tiñan no Levante peninsular. A súa chegada e utilización deu lugar a graves conflitos cos mariñeiros que empregaban artes máis tradicionais (xeito, chinchorro, etc): aumentou o número de capturas e os custos, que non podían ser asumidos polo mariñeiro de rede tradicional. Na fin do s XIX, os boliches, xunto coas xávegas, eran os principais abastecedores da industria conserveira e de salgadura nas Rías Baixas.

    2. boliche chinchorro/boliche do inverno

      Boliche cunhas características e proporcións xerais que fan que se considere como media arte, media xávega ou algo menos. Cada banda ou perna ten de 8 a 100 brazas, e 15 de cope. A faena, que se realiza tanto de noite como de día, debe contar con dúas ou tres lanchas, con oito ou dez homes cada unha delas e con patrón e rapaz, operando sobre limpo en profundidades de 8 a 20 brazas. Empregan o balo e o trabuquete; bótase o lance, tardando dunha a dúas horas e media en chegar á terra, e unha vez rematada esta operación sae de enviada unha das lanchas. Pesca xurelo, sardiña e cabala.

    3. boliche da pedra

      Boliche que se utiliza en mar de fondo pedregoso que ten de 35 a 40 brazas e está composto por dúas pernas ou bandas, de dúas menas cada unha, de 12 a 15 brazas de largo e unhas 300 mallas. Para a faena empréganse lanchas de 26 a 32 cuartas e botes, e organízanse en compañías de oito a once homes con patrón e rapaz. A tempada é de abril a setembro e traballan na costa e dentro e fóra das rías ou dos portos empregando o balo. Pesca xurelo e sardiña.

    4. boliche da piarda/boliche do bogón

      Boliche moi usado na ría de Pontevedra en tempo de veda, pero xa en desuso. Empregábase unha lancha ou bote en sitios de limpo cunha compañía formada por sete ou oito homes, con patrón e rapaz. O lance duraba entre 20 e 25 minutos. A tempada duraba do 15 de febreiro ao 15 de xuño. Pescaba piardas, bogóns, sarráns e chocos.

    5. boliche da praia/boliche do asubío

      Boliche que ten de 40 a 70 ou máis brazas por banda e unha ou dúas menas con calón e casarete en cada unha delas; o cope está formado pola boca e a coroa e a súa malla é máis miúda ca a do trabuquete. Na rede empréganse anacos de aparellos usados e a compañía está composta por oito ou dez persoas, con patrón e rapaz. Traballa en limpo e en cuberto ou pedras. A faena realízase mentres o patrón vixía dende unha chalana a marcha do cope cara á terra e así evitar que a rede se rompa ou que o lance se perda. O patrón dirixe a operación por medio de asubíos, de xeito que sirvan de advertencia. O lance dura unha hora aproximadamente e a quinzada uns oito días.

    6. boliche do bolo/boliche da lura

      Boliche pequeno que ten entre 25 e 30 brazas. Traballa preto da terra, con dous ou tres rapaces, e pescan lura e bolo durante o día.

    7. boliche do cuberto

      Boliche que traballa sobre fondos non limpos, moi ricos en plantas mariñas.

    8. boliche do verán

      Boliche que se utiliza no verán e que se asemella ao boliche da pedra.

    9. boliche trabuquete/boliche do aire

      Boliche de 80 a 82 brazas de largo.

  3. s m

    Antiga botella de gasosa que levaba un tapón consistente nunha bóla de vidro que era preciso empurrar para dentro se se quería baleirar o líquido.