Bolo, O
Concello da comarca de Valdeorras situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma. Limita ao N cos municipios de Petín e Larouco, ao S co de Viana do Bolo (na comarca de Viana), ao L e SL co da Veiga e ao O co de Manzaneda (na Terra de Trives). Abrangue unha superficie de 91,2 km 2 cunha poboación de 1.187 h (2007), distribuídos nas parroquias do Bolo, Buxán, Cambela, Celavente, Chandoiro, Chao de Castro, As Ermidas, Fornelos, Lentellais, Paradela, San Martiño, Santa Cruz, O Seixo, Teixido, Tuxe, Valdanta, Vilaseco e Xava. A capital está na vila do Bolo, na parroquia do Bolo, situada nos 42° 18’ 2’’ de latitude N e 7° 05’ 05’’ de lonxitude O, a unha distancia de 222 km de Santiago de Compostela e a 119 km de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial da Pobra de Trives,e á diocese de Astorga.
Xeografía física
O territorio que ocupa o concello do Bolo está baixo o dominio climático oceánico de montaña. Situado nun espazo de alta montaña, os rexistros termopluviométricos van verse matizados por este factor. A temperatura media anual sitúase ao redor dos 15°C, sendo xaneiro con 8,5°C de media e xullo con case que 24°C, os meses máis frío e caloroso do ano, respectivamente. Os invernos son frescos e os veráns calorosos; na estación estival hai un gran número de días cunha temperatura media de ata 29°C. Os ritmos estacionais son moi marcados, cun período de frío intenso con temperaturas medias das mínimas inferiores aos 7°C, que se pode estender dende novembro a abril. Isto, engadido ao aumento da temperatura cara ao S nestas serras orientais e sudorientais, dá lugar a unha oscilación térmica extrema elevada, podendo chegar incluso ata os 30°C que a sitúan entre as máis altas de Galicia. A precipitación media anual é de 780 mm, aínda que tamén se acadan os 1.000 mm nas parroquias máis elevadas do concello, por mor do incremento das precipitacións co ascenso de altitude. A degradación oceánica no Bolo non só está representada pola reducción dos totais pluviométricos, senón tamén polo descenso do número de días de chuvia por ano (98 días na vila do Bolo). O ritmo das precipitacións marca unha seca estival importante, sobre todo en xullo e agosto, onde só se recollen un total de 37 mm, que sitúan nesta terra o déficit hídrico máis acusado de Galicia. Entre novembro e febreiro supéranse os 100 mm mensuais. As precipitacións en forma de neve están presentes todos os anos. A temperatura media e a amplitude térmica afástanse das características dos climas oceánicos e achéganse ás dos climas mediterráneos do interior. O relevo é montañoso e moi accidentado, destacando unha depresión e unha unidade de máis altura sobre todo no O. Situado o concello entre a vertente oriental do río Bibei e a conca do río Xares, na chamada depresión do Bolo, que separa o macizo de Manzaneda das serras de Trevinca e Segundeira, acada ao N elevacións superiores aos 1.200 m, na Fraga de Ramalla. Na parte occidental destaca o monte Manuela con 1.074 m de altitude. Os solos máis antigos están constituídos por granitos e gneises de cristais grosos e feldespatos, de cronoloxía precámbrica, que se corresponde coa formación denominada Ollo de Sapo ou precámbrica porfiroide que, a pesar da súa concreta localización en Galicia ao longo dunha estreita banda duns 300 km de lonxitude, aflora polo SO do Bolo. A rede hidrográfica está articulada polos ríos Xares, que atravesa o termo de NL a NO, e Bibei, que con dirección S-N percorre a fronteira SO do concello. Sobre o cauce do Xares construíuse o encoro de Santa Baia, situado no límite co concello da Veiga. O curso do Bibei tamén foi aproveitado para a construción dun encoro (O Vó), onde o río pasa a verter as súas augas, e que está situado no límite con Viana do Bolo. Outros regos do concello son o San Bernabé, o Quintela e o Pantón. En xeral, os ríos circulan encaixados, coa excepción das áreas abertas no NO, nos arredores de Chandoiro e Celavente. As Gargantas do río Bibei configuran un espazo natural de especial interese, figurando entre os espazos naturais protexidos.
Xeografía humana
A evolución da poboación do Bolo dende o primeiro censo do 1887 correspóndese cos comportamentos xerais observados nos espazos de montaña galegos, inmersos nunha grave crise económica e demográfica. Esta evolución demográfica seguiu dúas tendencias claramente definidas ao longo do período de case 110 anos que constitúe a serie analizada. Desde 1887 ata 1940, a poboación deste concello permaneceu estabilizada ao redor dos 5.300 h, mostrando un leve crecemento en 1940, ano do seu máximo poboacional con 5.640 efectivos. A partir desta data e con vinte anos de adianto con respecto ao modelo xeral galego, iniciouse un forte e continuado descenso da poboación ata chegar aos 1.655 h de 1996, o que significa un decrecemento demográfico do 240,78% con respecto a 1940. Tal e como sucedeu ao longo destas décadas, este despoboamento está baseado nun movemento natural negativo e nunha profunda sangría migratoria. O descenso continuou e entre 1996 e 2001 descendeu nun 19,81% e, entre 2001 e 2007, o 10,55%. En 2006, a taxa de natalidade era do 2‰ e a de mortalidade acadaba os 22,1‰, do que se desprende un crecemento vexetativo negativo do -20,1‰.
A emigración contribuíu a incrementar a crise demográfica, dado que os escasos emigrantes retornados non logran reemprazar a saída de efectivos, que se dirixen sobre todo a Ourense e aos concellos máis desenvolvidos da comarca de Valdeorras e, en menor medida, a Madrid e Catalunya. Esta dinámica poboacional propiciou a conformación dunha estrutura por idades fortemente avellentada, onde os maiores de 65 anos representan o 49% da poboación do concello, que o sitúan entre os territorios máis avellentados do país. A poboación menor de 20 anos constitúe só o 7,2% dos efectivos, mentres que o grupo intermedio representa o 43,7%. Por sexos a poboación está equilibrada: 50,71% de mulleres e 49,28% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Bolo é do 29,5% (40,6% a masculina e 18,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 24,6% (33,3% a masculina e 16,2% a feminina) e a taxa de paro é do 16,4% (18% a masculina e 13% a feminina). As actividades agropecuarias tradicionais asociadas á agricultura e á gandería seguen tendo o seu peso na economía do concello, aínda que só o 15,3% da poboación ocupada empregábase neste sector. Debido á súa topografía montañosa e ás dificultades para a introdución de maquinaria que facilite o desenvolvemento dos labores agrícolas, o predominio neste sector primario correspóndelle a explotacións gandeiras pouco especializadas e escasamente orientadas á comercialización, centradas nun importante número de cabezas de ovellas e cabras pero, sobre todo, cun destacable armentío de gando bovino: 472 cabezas (1999). Esta é a causa principal de que os prados e pastos ocupen a maior parte da superficie agraria útil, constituíndo o principal cultivo. Os produtos agrícolas principais son os de horta, o centeo e, sobre todo, as patacas e a vide, que se cultiva en bancais aproveitando as pendentes e as diferentes orientacións que tallan os vales fluviais. As viñas das beiras do Bibei e dos seus afluentes configuran a área de “viños do Bolo”. O tipo predominante das cepas é o coñecido como “pé baixo”; un 82,5% están dispostas sen orde. A asociación máis habitual da vide no Bolo é con cultivos herbáceos. Neste concello aínda se conserva unha pequena porción da superficie (3 ha) dedicada a un cultivo que está a piques de desaparecer de Galicia, a oliveira. En xeral, as explotacións agrícolas son minifundistas, estando ademais excesivamente parcelada, e o réxime de explotación é directo por parte dos seus propietarios. Outra das eivas do sector é o avellentamento dos traballadores, o que repercute no seu escaso dinamismo. O espazo forestal ocupa o 44,16% da superficie municipal. A escasa importancia industrial neste concello albíscase na pouca poboación ocupada, o 12,3%; a construción, co 25,7% dos empregos totais, e o emprego xerado polas actividades extractivas (canteiras de lousa), sobre todo en empresas doutros concellos da comarca, especialmente no Barco de Valdeorras e en Carballeda de Valdeorras, son as principais actividades do sector. No sector terciario traballan o 46,7% dos empregados, a pesar de que tanto as actividades comerciais como de servizos públicos están escasamente desenvolvidas, pola súa importante dependencia de vilas como O Barco de Valdeorras ou Viana do Bolo. As principais vías de comunicación son, xunto á rede de estradas locais, a estrada comarcal OU-533 (A Rúa-A Gudiña) e o ferrocarril A Coruña-Palencia que de N a S atravesa o concello.
Historia
A presenza castrexa e romana indícanos a antigüidade do poboamento no Bolo. A vila do Bolo denominouse, segundo Vicente Risco, Velóbriga, constituíndo unha das tribos celtas que poboaron Galicia. Os romanos foron os primeiros en explotar as súas riquezas mineiras, pero foi na época medieval cando adquiriu certo protagonismo, cando o castelo construído na vila foi residencia de Dona Urraca. A vila do Bolo conservou ata o s XVIII unha fortaleza que foi construída a finais do s XV e que substituíu a outra anterior que fora destruída durante a revolta dos Irmandiños. Arrasado polos Irmandiños, foi posteriormente reedificado. A antiga vila tivo título de condado e pertenceu aos condes de Lemos durante o s XV. Tamén, segundo Risco, era capital dunha xurisdición que comprendía 47 lugares. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello do Bolo pertencían ás xurisdicións de reguengo do Bolo e de Viana do Bolo (representadas pola antiga provincia de Ourense), rexidas polos seus respectivos alcaldes ordinarios en nome do Rei. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813 creouse o concello do Bolo, integrado no partido xudicial de Valdeorras e na Provincia Única de Galicia. A administración propia do Antigo Réxime restableceuse en 1814, trala derrogación da Constitución por decreto do Rei Fernando VII. No trienio liberal (1821-1823) reinstaurouse a Constitución e con ela o municipalismo. Neste período dividiuse a provincia de Galicia (1822) incluíndo a case toda a comarca de Valdeorras na provincia de Villafranca del Bierzo, excepto O Bolo, que pasou a formar parte do partido de Viana, e por conseguinte, da nova provincia de Ourense. Posteriormente, unha vez restaurado definitivamente o municipalismo, en 1834 estableceuse o concello cos mesmos límites que o actual, dependente do partido xudicial de Vilamartín e integrado na nova provincia de Ourense. Pouco despois volveu de novo ao partido de Viana, no que permaneceu ata a súa supresión en 1867, data na que se incorporou ao do Barco de Valdeorras.
Patrimonio cultural
No eido da arquitectura relixiosa destaca o santuario de Nosa Señora das Ermidas, declarado BIC en 2006, mandado construír polo bispo de Astorga en estilo barroco no lugar onde apareceu a Virxe. Forma parte dun conxunto completado cunha hospedaxe, un viacrucis do s XVII e un cruceiro no centro da praza porticada. No eido da arquitectura civil sobresaen o pazo de Prada, de planta cuadrangular e cun patio interior. O patrimonio natural está representado polos espazos naturaisl do Macizo Central e o de Pena Trevinca, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello salientan as da Asunción de Nosa Señora en agosto, as de San Bartolomeu en Fornelos tamén en agosto, as celebracións da Semana Santa nas Ermidas e o Entroido en Buxán.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Valdeorras |
| Extensión | 91 Km2 |
| Poboación Total | 1187 h |
| Poboación Homes | 585 h |
| Poboación Mulleres | 602 h |
| Densidade de poboación | 13.04 h/Km2 |