bolxevismo

bolxevismo

(< bolxevique)

s m [HIST/POLÍT]

Facción do movemento socialista ruso, dirixida por Lenin, que en 1903 conseguiu o control do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. No segundo congreso do partido, celebrado en Bruxelas e en Londres (xullo-agosto de 1903), enfrontáronse dúas concepcións contrapostas: Lenin quería un partido reducido e disciplinado de revolucionarios profesionais (a vangarda do proletariado); Martov e Pavel Aksel’rod avogaban por un partido de base ampla segundo o modelo dos partidos socialdemócratas europeos. Lenin foi o derrotado no referente aos estatutos. O seu grupo, sen embargo, obtivo a maioría na designación dos cargos do partido. De aquí vén o nome de bolxeviques (maioritarios) para os partidarios de Lenin e o nome de menxeviques (minoritarios) para os de Martov. Os dous grupos separáronse na Conferencia de Praga (1912). En 1914 pronunciáronse contra a Primeira Guerra mundial. Os bolxeviques constituíronse en partido independente e, en maio, publicaron o seu periódico Pravda. Durante a revolución de marzo de 1917 Lenin publicou as Teses de Abril, nas que definía un programa de loita para pasar da revolución democrática á socialista. A revolución de outubro deu o poder aos bolxeviques. En marzo de 1918, no sétimo congreso, o partido tomou o nome de Partido Comunista; conservou, sen embargo, o epíteto de bolxevique (PCB) ata 1952.

Formas incorrectas

bolchevismo