bonsai

bonsai
s m

Arte do cultivo, en bandexas ou pequenos tarros, de plantas que presentan unha aparencia de árbores ananas e que pertencen a especies que xeralmente teñen porte de árbore ou arbusto. A orixe desta técnica está documentada nos comezos do século XIV, aínda que posiblemente o cultivo se iniciou mil anos antes na China, de onde pasou ao Xapón. Os primeiros bonsais realizáronse con árbores recollidas do medio natural que presentaban un porte fortemente desmedrado debido ás condicións altamente adversas ás que se viron sometidas ao longo da súa vida (pouco solo ou condicións climáticas extremas). Aínda que hoxe en día estas árbores naturais son moi valoradas, a forte demanda deste tipo de cultivo nos países occidentais promoveu a obtención de bonsais mediante podas especiais e aramado de árbores normais. A partir dos bonsais pódense realizar composicións naturais artísticas como os saikeis ou os bonkeis, que ás veces inclúen árbores artificiais, falsas rochas ou incluso pinturas, e que se presenta en ocasións como unha imaxe en relevo. Os bonsekis son máis sinxelos e fundaméntanse nun grupo de pedras con bonsais situadas en area angazada, igual ca unha serie de illas no mar.