Boqueixón

Boqueixón


Concello da comarca de Santiago, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma. Limita ao N cos concellos do Pino (comarca de Arzúa) e Santiago, ao S cos de Silleda (Deza), A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) e Vedra (Santiago), ao L cos de Touro (Arzúa) e Vila de Cruces (Deza) e ao O con Vedra e Santiago. Abrangue unha superficie de 73,2 km 2 cunha poboación de 4.437 h (2007), distribuídos nas parroquias de Boqueixón, Codeso, Donas, Gastrar, A Granxa, Lamas, Ledesma, Lestedo, Loureda, Oural, Pousada, Serguede, Sucira e Vigo. A capital, a aldea de Forte, na parroquia de Boqueixón, está a 42° 48’ 15’’ de latitude N e 8° 25’ de lonxitude O e a unha distancia de 16 km de Santiago de Compostela. Está integrado no partido xudicial de Santiago, na provincia da Coruña e na arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Boqueixón encádrase dentro do dominio climático oceánico húmido, nunha área de transición entre o do litoral das Rías Baixas e o das serras da dorsal occidental. Caracterízase por unha temperatura media anual suave, ao redor de 12,5°C, cunha amplitude térmica anual moderada, 11°C, como consecuencia da temperanza dos valores extremos favorecidos pola apertura ás influencias mariñas a través do val do Ulla. Xaneiro é o mes máis frío, con 8,5°C de media. Xullo, o máis cálido, chega ata os 19,5°C. As superficies aplanadas dominantes no concello e o bastión do Pico Sacro, ademais doutras elevacións ao N do concello, favorecen a condensación das masas de aire que penetran dende o oceáno cargadas de humidade, condensación que se traduce nunha elevada pluviosidade, superior aos 1.800 mm de media anual. Polo que respecta á distribución das precipitacións, o inverno é a estación máis chuviosa, na que se recolle o 32 % do total anual. A primavera rexistra un máximo secundario (29%) e o verán preséntase como a época máis seca (13%). O ceo toldado é moi frecuente en Boqueixón, ao igual que os días de chuvia, en ambos os casos entre 130 e 135 días ao ano, mentres que o ceo despexado non adoita superar os 50 días. Deste xeito, a insolación non chega a acadar o 50% do seu potencial. O risco de xeadas fóra dos meses invernais é escaso. A súa estrutura xeomorfolóxica está definida polo dominio xistoso da Galicia central e occidental. Trátase de xistos moi metamorfizados e alterados que alternan con facies anfibolíticas, de cronoloxía precámbrica ou paleozoica inferior. O relevo caracterízase por unha serie de vales de orientación NO-SL que se dirixen cara ao Ulla, situado nos límites meridionais do municipio, dende o Monte Castelo (de 497 m de altitude), ao N. O Pico Sacro, de 530 m de altitude, no SL, é un dique de cuarzo convertido nunha elevación illada por riba dos niveis de arrasamento degradados, que resistiu o ataque da erosión pola súa maior dureza con respecto ao contorno xistoso, e aparece deste xeito como unha mole de arestas prismáticas. O río Ulla artella a rede fluvial do municipio, recollendo as augas dos ríos que o drenan, e que seguen o curso de dirección NO-SL entre os que destacan o Brandelos e o Pontillón.
Xeografía humana
A poboación do concello de Boqueixón mantívose moi estable ata a década de 1970 porque non coñeceu uns episodios emigratorios tan intensos como os experimentados na maioría dos municipios rurais galegos, xa que, pola proximidade do mercado urbano compostelán, puido manter unha alta competitividade nas súas explotacións agrícolas e gandeiras. O saldo vexetativo contrarrestou a perda demográfica debida ás saídas emigratorias. Así, entre 1887, primeiro censo, e 1970, só dous períodos intercensais viron descender a poboación de xeito leve, coincidindo cos dous momentos de maior intensidade emigratoria galega ao exterior; a comezos do s XX cara a América (entre 1900 e 1910 decreceu a un ritmo do -0,35% anual), e nos anos cincuenta cara a América, Europa e as cidades españolas máis desenvolvidas, especialmente Barcelona (entre 1950 e 1960 un -0,11% anual). Neses 83 anos a poboación pasou de 4.090 a 5.154 h, é dicir, medrou un 26%. Con posterioridade a 1970 e ata 1991, houbo unha diminución demográfica significativa, perdendo case que unha quinta parte dos seus efectivos. Este descenso foi produto da emigración interior cara ao veciño municipio de Santiago de Compostela, que neste momento coñecía unha densificación sen precedentes. Neste período o decrecemento mantivo un ritmo dun -0,89% anual. No quinquenio 1991-1996 inverteuse a tendencia como consecuencia da expansión do fenómeno periurbano a amplas áreas do territorio circundante a Santiago de Compostela, medrando o número de habitantes nun promedio do 0,6% anual. No período 1996-2001 a poboación decreceu un -1,08% mentres que no período 2001-2007 o aumento foi do 3,98%. O crecemento natural é negativo -5,7 ‰, froito dunha natalidade aínda baixa (7 ‰) e unha alta mortalidade (12,7 ‰). A moderada incidencia da emigración en Boqueixón ata datas recentes propiciou, por unha banda, que a súa estrutura demográfica non presente un avellentamento acusado, supoñendo os menores de 20 anos o 16,4% do total e os maiores de 65 o 21,6%, (mentres que o 62% restante adscríbese ao grupo intermedio) e, por outra, incidiu tamén no feito de que o equilibrio entre sexos sexa case absoluto (50,98% mulleres e 49,02% homes). A poboación de Boqueixón non ten uns índices de dispersión significativamente elevados, pois concéntrase en numerosos núcleos bastante compactos, aínda que pequenos.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Boqueixón é do 54,8% (64,5% a masculina e 45,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 51,4% (60,7% a masculina e 42,5% a feminina) e a taxa de paro é do 6,3% (5,9% a masculina e 6,7% a feminina). A economía de Boqueixón está moi ligada ás actividades agropecuarias, que xeran o 17,7% do emprego. A pertenza do municipio á área urbana compostelá estimulou a introducción de innovacións no sector primario, como os traballos de concentración parcelaria, que se estenderon pronto por todas as parroquias do concello, sendo na actualidade algo máis de 2.500 as ha concentradas. Por esta razón diminuíu o número de parcelas por explotación e medrou a cantidade de explotacións ante a crecente competitividade. O concello presenta unhas aptitudes xeográficas excepcionais para o desenvolvemento gandeiro, coa existencia de moi bos pastos. Posúe 5.059 cabezas de gando bovino (1999; a media supera as 10 reses por explotación, dedicadas tanto á produción cárnica como á leiteira. Existe tamén unha agricultura especializada de horta e invernadoiros orientada ao mercado compostelán. A agricultura a tempo parcial para autoconsumo está moi estendida. A industria acolle o 22,6% dos traballadores; gran parte deles traballan en Santiago, pois en Boqueixón o tecido industrial é feble e só destaca no sector madeireiro (serradoiros e industria do moble) e no téxtil, con oito empresas. A construción emprega ao 14,1% da poboación ocupada, con empresas de pequenas dimensións, baseadas en traballadores autónomos. Os servizos están pouco desenvolvidos pola proximidade de Santiago, aínda que nos últimos anos coñeceron certo avance, especialmente nos núcleos situados na estrada nacional N-525 (Santiago-Ourense-Zamora). O sector terciario dá emprego ao 45,6% da poboación ocupada, destacando dentro del o comercio e a hostalería, que agrupan o 11% dos empregados totais no concello. As principais vías de comunicacións son a estrada nacional N-525, Santiago-Zamora, e a autopista AP-53, Santiago-Ouresnse. Desta estrada parte en Susana a estrada local AC-260, eixe de comunicación intramunicipal. A rede viaria complétase coa estrada local AC-240, Arzúa-Ponte Ulla, que leva ao aeroporto de Lavacolla, ao N.
Historia
Os indicios máis antigos de ocupación humana remóntanse á época castrexa, da que queda o exemplo do castro de Susana en Sergude. A romanización foi intensa, xa que polas súas terras pasaba a vía romana que unía Astorga e Braga. Xa na época medieval, a historia do municipio aparece ligada á de Compostela. O Pico Sacro é fonte de numerosas lendas relacionadas co Apóstolo, como as da Raíña Lupa, os bois bravos ou os túneles que levan dende o seu cumio ata o Ulla. Na súa cima construíu Xelmírez unha fortaleza no s XII, que foi derrubada no s XV durante a revolta irmandiña. Durante o Antigo Réxime o actual concello pertencía á provincia de Santiago, e as súas parroquias, agrupadas nas xurisdicións de Cira, Granxa, Lestedo e Monte Sacro, Xiro da Rocha, Camanzo e Bendaña, eran feudo de distintos señores, o arcebispo de Santiago, o mosteiro de San Paio de Santiago (comunidade de monxas bieitas), o Conde de Altamira e o Marqués do Pico Sacro. Co establecemento dos primeiros axuntamentos constitucionais en 1812, as parroquias que constitúen o actual concello de Boqueixón quedaron integradas nos municipios de Santa María de Sar, San Miguel de Vilar, Vedra e Touro, adscrito ao partido de Sar e á provincia de Galicia, ata 1822 en que pasaron a integrarse na nova provincia da Coruña. Estes concellos tiveron vixencia nos períodos 1812-1814 e 1821-1823, mentres a Constitución de 1812 non foi derrogada polo Rei Fernando VII en ambas as ocasións. Restaurado definitivamente o municipalismo en 1834, creouse en 1835 o concello de Boqueixón, cunha parroquia máis cás actuais, Santa María de Marrozos, segregada e adscrita ao concello de Conxo en 1836 (concello que foi á súa vez anexionado polo de Santiago de Compostela en 1925). En setembro de 1868 o concello foi suprimido pola Xunta Revolucionaria do partido de Santiago, pero en novembro do mesmo ano a situación restableceuse, sen coñecer xa máis variacións ata o momento presente.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan, no eido da arquitectura relixiosa, a igrexa de San Lourenzo da Granxas, de orixe prerrománica, e a de Santa Marta de Lestedo, románica. Tamén románicos son as pontes Ledesma, escenario de loitas contra os franceses, e a de Busacos. No eido da arquitectura civil sobresaen os pazos de Pousada e de Quián, e o de Campuzano convertido na Escola de Extensión e Capacitación Agraria de Sergude. Salientan as festas do entroido de Sergude, Lestedo e Codeso así como as romarías de san Bieito, san Cidre e san Sebastián no Pico Sacro, e Os Lourdes en Lestedo.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Santiago
Extensión 73 Km2
Poboación Total 4437 h
Poboación Homes 2175 h
Poboación Mulleres 2262 h
Densidade de poboación 60.78 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias