Bouzas
Antigo concello anexionado ao de Vigo por resolución das Cortes españolas de data 30.4.1904, executada o 5.10.1904. Durante o Antigo Réxime Bouzas era unha xurisdición da provincia de Tui que abranguía as parroquias de Beade, Bembibre, Bouzas, Coia e Coruxo, baixo o señorío do bispo e cabido tudense. Ao establecerse o municipalismo consonte ás disposicións emanadas da Constitución de Cádiz, a antiga xurisdición converteuse en axuntamento en 1812, adscrito á provincia de Galicia e ao distrito do Val do Fragoso. En 1814, derrogada a Constitución, volveuse á administración señorial, disolvéndose o concello. Durante o trienio liberal (1821-1823), restableceuse o concello, integrado no partido e provincia de Vigo a partir de 1822. Suprimidos de novo o municipalismo e mais a Constitución en 1823, hai que agardar ata 1835 para que se constitúa de novo o concello, adscrito esta vez ao partido de Vigo e á provincia de Pontevedra. Neste derradeiro período (1835-1904) as parroquias que integraban o concello de Bouzas eran as de Alcabre, Bouzas, Coia, Comesaña, Coruxo, Matamá, Navia, Oia e Saiáns. A súa capital era a vila de Bouzas.