Bóveda

Bóveda


Concello da Terra de Lemos, situado na provincia de Lugo ao L da Comunidade Autónoma. Limita ao N cos concellos do Incio e de Paradela (ambos os dous da Terra de Sarria), ao O co do Saviñao, ao S co de Monforte de Lemos e ao L co da Pobra de Brollón (os tres da comarca de Lemos). Abrangue unha superficie de 91,1 km 2 cunha poboación de 1.737 h (2007), distribuídos nas parroquias de Bóveda, Freituxe, Guntín, Martín, Mosteiro, Remesar, Ribas Pequenas, Rubián, San Fiz de Rubián, Teilán, Tuimil, Ver, Vilalpape e Vilarbuxán. A capital municipal é a vila de Bóveda, situada a 42° 37’ de latitude N e 7° 29’ de lonxitude O, a unha distancia de 139 km de Santiago de Compostela, 51 km de Lugo e 12 km de Monforte de Lemos. O concello está adscrito ao partido xudicial de Monforte de Lemos e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O territorio municipal de Bóveda está baixo o dominio climático oceánico continental, caracterizado por unhas precipitacións moderadas e unhas temperaturas un tanto rigorosas. No seu observatorio meteorolóxico establécense os seguintes rexistros termopluviométricos: a temperatura media anual queda establecida nos 13,2°C, cun mes máis frío, xaneiro, que acada unha media de 6,6°C; o mes máis cálido é o de xullo, no que a temperatura media chega aos 20,8°C. Entre os meses de maio e outubro, ambos os dous inclusive, as temperaturas medias mensuais quedan sempre por riba dos 14° C. O volume de precipitacións recollidas é de 933 mm anuais, cun réxime que amosa unha acusada estacionalidade: o 40% da precipitación recóllese na tempada invernal fronte só a un 9% nos meses do verán, o que provoca un leve déficit hídrico nesta estación; a primavera e mais o outono, co 27% e o 23% respectivamente, compórtanse como estacións de transición. En canto ao relevo, o territorio do concello de Bóveda aséntase no rebordo setentrional da depresión terciaria de Monforte de Lemos, que lle outorga unha configuración dual: por unha banda, esténdese ao S unha superficie plana correspondente á conca do Cabe (a depresión terciaria de Monforte ou Val de Lemos) na que as altitudes oscilan ao redor dos 400-500 m e, pola outra, no N obsérvase unha elevación das altitudes ata os 800 m. A rede fluvial configúrase ao redor do río Mó, afluente do Cabe (tributario, á súa vez, do Miño), drenando a súa conca. O Mó recolle as achegas de todos os regos e cursos fluviais que percorren o municipio, sendo o río Noceda o principal entre os seus afluentes.
Xeografía humana
A poboación do término municipal de Bóveda experimentou desde o s XIX unha evolución inserta na dinámica xeral que seguiron os concellos rurais do interior de Galicia, mantendo un leve incremento ata a década de 1940 para iniciar a partir de entón un forte declive, provocado polo fenómeno emigratorio en dirección a áreas urbanas industrializadas, ben no propio país, ben noutros lugares de España, Europa central e occidental, ou ben a ultramar. Así, partindo dunha poboación de 4.174 persoas en 1887, chegou a 1996 cun efectivo demográfico de 2.185 habitantes, o que significa que a poboación actual é o 52, 34% da establecida no período analizado, o 49,69% respecto de 1900 (4.398 h), e só o 45,98 % respecto do máximo histórico de 1940 (4.752 h). Entre 2001 e 2007 perdeu o 10,8% da súa poboación. O movemento natural da poboación (2006) é negativo, -19,8‰ froito dunha baixa natalidade (3,1‰) e unha alta mortalidade (22,9‰). O resultado deste proceso é unha poboación fortemente avellentada na que os maiores de 65 anos son o 37,9% do total, duplicando en maior medida aos menores de 20, que representan tan só o 9,7% dos efectivos; o grupo intermedio representa o 52,4% da poboación. Por sexos a composición da poboación está equilibrada: 50,66% mulleres e 49,33% homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Bóveda é do 38,9% (48,7% a masculina e 29,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,5% (42,2% a masculina e 25,4% a feminina) e a taxa de paro é do 13,7% (13,3% a masculina e 14,2% a feminina). A economía do concello aparece marcada pola heteroxeneidade da distribución da súa poboación activa. O sector primario ocupa ao 30,7% da poboación e o sector servizos ao 49,7%. Esta distribución sectorial da poboación ocupada responde tanto ao seu marcado carácter rural, que repercute no elevado índice de emprego agrario como á proximidade dos núcleos urbanos de Lugo (a 51 km), Monforte de Lemos (a 12 km), ou mesmo Ourense (a 62 km), o que facilita a mobilidade da poboación e o seu acceso a postos de traballo radicados nestes concellos, relacionados maioritariamente cos servizos ou coas administracións públicas. As actividades primarias baséanse en explotacións dedicadas á gandería bovina, compatibilizando a orientación láctea e a cárnica. Por outra parte, a vila de Bóveda desempeña un papel destacado na prestación de servizos como cabeceira municipal. O sector secundario ocupa ao 19,5% dos traballadores, (un 11,5% na industria e un 8% na construción). Estes traballadores maioritariamente se aproveitan da oferta de traballo nas cidades próximas, xa que o sector queda reducido no territorio do concello a pequenas empresas de transformación láctea e fabricación de mobles. As comunicacións por estrada fixeron de Bóveda un nodo comarcal de relativa importancia, ao conectar Lugo e Monforte de Lemos por medio da estrada comarcal LU-546 e articular unha rede de estradas locais (LU-611, LU-643) que conectan a comarca de Chantada co S da Terra de Sarria, e Lugo coa comarca de Quiroga (LU-662) cara á estrada nacional N-120.
Historia
Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Bóveda pertenceron ás xurisdicións de Brollón, Guntín, Canedo, Somoza Maior de Lemos e aos coutos redondos de Bóveda, Ver e Vilalpape, todas da antiga provincia de Lugo e a maior parte baixo o señorío do Conde de Lemos. Co establecemento dos concellos pola Constitución de 1812, as parroquias de Bóveda, Martín, Ribas Pequenas, Ver e Vilalpape incluíronse no concello de Fiolleda, no partido de Monforte, mentres as restantes quedaron adscritas ao concello de Guntín, no partido de Sarria, ambos da provincia única de Galicia. Derrogada a Constitución en 1814, volveuse á administración señorial. No Trienio Liberal (1821-1823) restablecéronse estes dous concellos, que foron adscritos á nova provincia de Lugo en 1822. Suprimida de novo a Constitución en 1823, houbo que agardar ata 1835 para que se restaurase a administración municipal: nesa data naceu o concello de Somoza Maior de Lemos, sen embargo parroquias do actual concello de Bóveda estaban incluídas nos municipios de Pobra de Brollón e no de Couto Vello. En 1840 creouse o concello de Bóveda, que integrou as parroquias que o compoñen na actualidade, sen que dende entón houbese alteración ningunha no seu territorio.
Patrimonio cultural
No seu patrimonio salientan as igrexas de San Fiz de Rubián do s XVI, a capela do Ecce Homo nesta mesma parroquia do s XVIII e a casa señorial de Ver, reconstruída no s XVIII, e os pazos de Guntín e dos Marqueses de Villaverde de Limia en Bóveda, s XVIII, ademais do pazo de Valboa, a casa-torre de Eimer e a casa grande de RIbeira. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do Rïo Cabe, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de San Xil, en setembro, e as do Ecce Homo, en Rubián.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Terra de Lemos
Extensión 91 Km2
Poboación Total 1737 h
Poboación Homes 857 h
Poboación Mulleres 880 h
Densidade de poboación 19.09 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias