boxeo

boxeo

(< boxear)

  1. s m [DEP]

    Deporte individual de combate baseado no uso regulamentario dos puños e nas accións combinadas de ataque e defensa contra un adversario. Para os gregos esta era unha das principais probas atléticas. En época dos romanos o pugilatus foi moi popular, pero despois perdeu o carácter deportivo. Na época contemporánea, a práctica do boxeo comezou en Inglaterra (finais do s XVIII), case sempre de xeito ilegal; tiña un grande atractivo debido ás fortes apostas. O marqués de Queensberry (1865) regulamentou o emprego das luvas protectoras, introducidas por Jack Brougthon, e limitou os combates a un número de nove asaltos. Desde Inglaterra, o boxeo estendeuse rapidamente a Europa e EE UU. Neste primeiro período destacaron Jacob e Tom Hyer, John L. Sullivan, James J. Corbett, Robert L. Fitzsimmons, James J. Jeffries e Tommy Burns. Dispútanse os combates sobre un ring limitado por doce cordas. Un árbitro, asistido por un número variable de xuíces, dirixe o combate e decide quen é o gañador. A vitoria lógrase por medio de puntos, por knock-out (KO), por descualificación, abandono ou inferioridade do contrario. A técnica do boxeo divídese en golpes de ataque en dúas series: os golpes por liña interna e os golpes por liña externa. Os primeiros entran dentro da garda do adversario: os directos de dereita (cross) e de esquerda (jab) ao corpo e ao rostro, e o uppercut, golpe potente e preciso de abaixo arriba dirixido ao estómago e ao queixo. Os golpes externos aplícanse rodeando a garda adversaria. Os máis característicos son o swing e o gancho (hook). Existen unhas categorías regulamentarias segundo o peso dos atletas. A práctica deste deporte esixe unha escrupulosa atención médica e unha preparación física moi coidadosa. Na década dos anos oitenta xurdiu unha gran polémica con respecto a este deporte, e numerosos colectivos, especialmente médicos, pediron a súa supresión debido ás consecuencias dos golpes que presentaban os boxeadores. O ximnasio Saudade de Vigo pódese considerar como o máis importante deste deporte en Galicia, pois vén sendo o berce de numerosos campións de España e de Europa en diversas categorías. OBS: A grafía x representa o son [ks].

  2. boxeo francés [DEP]

    savate.

  3. boxeo tai [DEP]

    ariedade do boxeo practicada en Tailandia. Baséase no uso regulamentario das mans e dos pés. Os participantes empregan guantes de boxeo e combaten descalzos.

Palabras veciñas

boxeador -ra | boxear | Boxeco | boxeo | 1 bóxer | 2 bóxer | Boxgrove