Bozen
[it: Bolzano] Capital da provincia homónima, no Tirol meridional (Südtirol ou Trentino-Alto Adige), Italia, situada na confluencia dos ríos Eisack e Talfer (97.043 h [1998]). Trátase dunha importante encrucillada de comunicacións cara a Suíza e ao Tirol austríaco. É un centro turístico, que ten como principal atractivo as paisaxes alpinas que lle permiten dispor dunha oferta de ocio baseada nas actividades deportivas na natureza. Tamén é un núcleo comercial e industrial, favorecido pola abundancia de enerxía hidroeléctrica; destaca, sobre todo, o sector siderúrxico. Nos ss VII e VIII a antiga Bauzanum pertencía aos duques de Baviera, e no s X pasou aos bispos de Trento e aos condes do Tirol. De 1531 a 1890 estivo baixo o dominio dos Habsburgo, ata que formou parte do reino napoleónico de Italia. En 1814 pasou a Austria e en 1919 foi anexionada a Italia polo Tratado de Saint-Germain-en-Laye. O réxime fascista (1922-1945) creou un centro industrial para atraer os obreiros italianos e así contrarrestrar a influencia da poboación de fala alemana.