Bragança
Familia nobre portuguesa que deu o seu nome á cuarta dinastía real (1640-1853) e á imperial brasileira (1822-1889). O seu fundador foi Afonso, conde de Barcelos (1377 - 1460), fillo natural do Rei Xoán I, que recibiu o título de Duque de Bragança en 1442. En 1640, o oitavo Duque de Bragança, João II (1604 - 1656) acadou o trono co nome de Xoán IV. Dende entón o Ducado de Bragança foi o título dos herdeiros da coroa portuguesa. Foron reis de Portugal: Afonso VI (1656 - 1683), Pedro II (1648 - 1706), Xoán V (1689 - 1750), Xosé I (1714 - 1777), María I (1734 - 1816) e Pedro III (1717 - 1786) Rei consorte dende 1777 a 1786, Pedro IV (1798 - 1834), María II (1828 - 1853), Pedro V (1837 - 1861), Xoán VI (1767 - 1826), Luís I (1838 - 1889) e Manuel II (1889 - 1932). Durante a ocupación napoleónica, Xoán VI tivo que trasladar a corte a Brasil dende 1807 ata 1821. En 1826, trala súa morte, a familia dividiuse en dúas ramas encabezadas polos seus fillos Pedro IV e o infante Miguel. Pedro IV deixoulle o trono de Portugal á súa filla María II e reinou en Brasil co nome de Pedro I, onde lle sucedeu o seu fillo Pedro II do Brasil (1825-1891) destronado en 1889. O infante Miguel fixo valer os seus dereitos ao trono en contra da súa sobriña María II. Creouse, deste xeito, a rama miguelista ou lexitimista, que herdou as pretensións ao trono cando morreu o último Rei en 1932.