Boletín Oficial del Centro Gallego de Avellaneda
Revista editada polo Centro Galego de Barracas al Sud, na cidade arxentina de Avellaneda. Saíu o seu primeiro número o 1 de setembro de 1903. De periodicidade mensual, sufriu diversas interrupcións nos anos 1921 e 1922, e sobre todo a partir de 1927; ademais, desde ese ano sairá cada dous, tres ou catro meses. O seu primeiro director-administrador foi A. Paredes Rey, para seguir logo, pero só como directores, Abelardo Álvarez, Francisco Bárcena e, a partir de 1915, H. Chantrero. Nun editorial en castelán de 1903 xa quedaban explicitados os seus obxectivos: achegar Galicia aos emigrantes, conservar a tradición inculcándolla aos descendentes e facer respectar o nome de “gallego” en América. A utilización do galego quedaba case restrinxida ás páxinas poéticas, xa que a publicación era case toda ela en castelán, pero a nómina de autores que pasaron polas súas páxinas foi importante. Así publicaron traballos en castelán, sobre historia, Benito Vicetto ou Xaquín Costa; Antón Villar Ponte e Xoaquín Pesqueira sobre galeguismo; e Augusto María Casas sobre poesía galega. Artigos en galego asináronos o xa nomeado Villar Ponte, Johan V. Viqueira, Aurelio Ribalta, Arturo Noguerol ou Otero Pedrayo, entre outros. Apareceron poemas de Curros, Rosalía, Pondal, Lamas Carvajal, Añón, Cabanillas, Victoriano Taibo, Noriega Varela, López Abente, Herrera Garrido, Sofía Casanova, Alfredo Brañas, Jenaro Mariñas, Uxío Carré Aldao, Alberto Camino, Xoán Manuel Pintos, entre outros. Tamén publicaron textos en prosa Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Labarta Pose, Leandro Carré, Portela Pérez e o propio Castelao. Completaban o seu contido as actas das reunións da directiva e as actividades do centro.