Braulio
Prenome masculino de orixe dubidosa. Segundo algúns estudiosos, é o resultado da corrupción do xermánico Brandila, diminutivo dun antropónimo derivado de brand, elemento que significa literalmente ‘lume’ e metaforicamente ‘espada’, debido á relación entre o lume e o resplandor da folla desta arma. Este antropónimo xa se atesta no latín tardío como Braulio e chegou a nós por vía culta. San Braulio de Zaragoza (s VI-VII) foi discípulo de santo Isidoro de Sevilla, quen o nomeou bispo de Zaragoza na época visigótica (631-651). Escribiu a vida de san Millán de la Cogolla e foi canonizado no 1200. É patrón da cidade de Zaragoza, onde repousan as súas reliquias. San Braulio é titular da parroquia de Caaveiro, no concello da Capela, e a súa festa celébrase o 26 de marzo.