Bretton Woods, Conferencia de

Bretton Woods, Conferencia de

Conferencia monetaria e financeira das Nacións Unidas que se celebrou entre o 1 e o 22 de xullo de 1944 en Bretton Woods, New Hampshire (EE UU), e na que participaron delegacións oficiais de 44 estados. Deu nacemento a dúas institucións de carácter internacional: o Banco Internacional de Reconstrución e Desenvolvemento (ou Banco Mundial) e o Fondo Monetario Internacional, para financiar a curto prazo os desequilibrios no comercio internacional. O obxecto esencial desta conferencia foi o de evitar os desaxustes monetarios que precederon á Segunda Guerra Mundial e favorecer a volta ao multilateralismo dos pagos. Presentáronse dous plans: un patrocinado pola delegación do Reino Unido, coñecido por plan Keynes, e outro norteamericano, o plan White, que finalmente foi o que se aprobou. O plan White proclamaba a volta indirecta ao patrón ouro e a constitución dun banco internacional que respectase a autonomía das políticas monetarias dos estados. A “orde de Bretton Woods” funcionou entre 1948 e 1971, ano no que se declarou a inconvertibilidade do dólar en ouro.

Palabras veciñas

bretoñés -sa | bretonia | Bretonneau, Pierre | Bretton Woods, Conferencia de | bretwalda* | Breuer, Josef | Breuer, Marcel